A sede das Nacións Unidas en Xenebra acollerá por primeira vez unha maratona de debates sobre a situación catalá. Despois de se faceren públicas numerosas denuncias de vulneracións dos dereitos humanos en Catalunya por parte dos poderes do Estado español, a cuestión chega agora ao organismo internacional.

 

seu onu ginebra - UN Photo / Jean-Marc Ferré

 

Será a semana que vén, no cadro do 37º período de sesións do Consello de Dereitos Humanos, cando se celebrasen varios debates e mesas redondas. Serán tratados  temas como a regresión dos dereitos humanos no Reino de España, por unha banda, e o dereito á autodeterminación, por outro. Paralelamente, tamén se celebrarán outros actos fóra da sede vinculados coas mesmas temáticas.

Alén dos expertos que intervirán nas conferencias, tamén participarán membros do goberno exiliado en Bruxelas e familiares dos encarcerados. De momento, o president Carles Puigdemont xa confirmou a súa presenza en dous actos fóra da ONU, o domingo e o mércores, e a consellera Meritxell Serret participará o martes nunha mesa redonda, xunto á parella de Jordi Cuixart, Txell Bonet.

Por outra banda, Anna Gabriel, que vive na capital suíza desde que se exiliou hai case un mes, non confirmou por agora a súa presenza en ningunha convocatoria.

Segunda Feira: a regresión dos dereitos humanos
O primeiro acto dentro da sede da ONU celebrarase na vindeira segunda feira ás 13.30 horas do mediodía. O Instituto de Dereitos Humanos de Catalunya e outras plataformas organizaron o debate Human Rights regression in Spain. O obxectivo do acto é debater con diferentes expertos sobre a situación actual de involución dos dereitos humanos no Estado español, pondo o foco no caso de Catalunya.

 

debate regressio derechos espanya onu

 

Participarán varios expertos na cuestión, como o especialista na protección do dereito á liberdade de reunión, Michael Hamilton; o fiscal e maxistrado emérito do Tribunal Supremo español José Antonio Martín Pallín e a avogada penalista especializada en dereitos humanos Anaïs Franquesa. Tamén intervirá o Síndic de Greuges de Catalunya, Rafael Ribó, e a profesora de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais Margalida Capellà. En representación das familias dos presos políticos cataláns, asistirá Laura Masvidal, da Asociación Catalá polos Dereitos Civís.

Terza Feira: o dereito á autodeterminación
No día seguinte, terza feira (12.30 h), a axenda seguirá cunha conferencia sobre O dereito á autodeterminación no século XXI, moderada polo eurodeputado de ERC Jordi Solé e coa intervención de Nicolas Levrat, profesor da Universidade de Xenebra; Jaume López, profesor da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, e Alfred De Zayas, experto independente da Oficina do Alto Comisionado de Nacións Unidas.

Pola tarde (15.00 h), terán lugar dúas mesas redondas sobre as Vulneracións de dereitos fundamentais na Unión Europea: o caso catalán. Unha contará coa participación da consellera de Agricultura, Meritxell Serret, e a parella de Jordi Cuixart, Txell Bonet, que explicarán a experiencia de exiliados e presos políticos na Europa de hoxe. A outra mesa, sobre o rol da UE na protección dos dereitos humanos, estará formada pola avogada Rachel Lindon, do equipo de xuristas que levaron o caso de Sànchez, Cuixart e Junqueras á ONU, e a eurodeputada Lynn Boylan, membro da plataforma Diálogo UE-Catalunya.

A asistencia desafiante de Puigdemont
No cadro do Consello de Dereitos Humanos, mais fóra da sede da ONU, celébrase o Festival de Cinema sobre os Dereitos Humanos (FIFDH), o principal acontecemento internacional dedicado a este cinema. O vindeiro domingo día 18, na súa xornada de clausura, acollerá un debate sobre a independencia de Catalunya co president Puigdemont como convidado estrela. O debate terá lugar despois da proxección da película Catalogne: l’Espagne au bord da crise de nerfs (Catalunya: España ao borde dunha crise de nervos).

Tres días máis tarde, na cuarta feira, o president pronunciará unha conferencia sobre a independencia e a autodeterminación na Europa do século XXI no Graduate Institute de Xenebra, a universidade de relacións internacionais máis antiga de Europa. A conferencia, que incluirá un debate, será moderada polo correspondente da BBC, Imogen Foulkes.

O deslocamento de Puigdemont e Serret a Suíza para asistir a estes actos fixo saltar as alarmas á fiscalía que xa pediu que se estude se pode cursarse orde de detención e se se pode pedir a extradición e a limitación do pasaporte. Até agora, o portavoz da Oficina Federal de Xustiza de Suíza, Folco Galli, negou toda posibilidade de que esta operación poida ser levada a cabo no país helvético.

Fonte: El Nacional