Os protestos nas cidades de Saqqez e Sanandaj, no Kurdistán iraniano (Rohjilat), tornáronse violentos ao interviren as forzas de seguranza. Segundo a organización de dereitos humanos Hengaw, polo menos 38 persoas resultaron feridas por fogo directo e 13 foron detidas.

 

 

 

Durante os protestos do sábado en Saqqez, polo menos 33 persoas resultaron feridas pola represión policial, cinco delas foron levadas a centros médicos. Parsa Sehat, de 23 anos, Nechirvan Maroufi, de 18, e Kian Derakhshan, xunto con outras dúas persoas feridas nos ollos tiveron de ser transferidas a centros médicos de Tabriz por causa da gravidade do seu estado.

As manifestacións, que se suceden desde a pasada terza-feira no Kurdistán iraniano, teñen como obxectivo condenar o asasinato de Mahsa Amini, a xoven kurda de 22 anos detida pola “policía moral” de Teherán. Mahsa foi encarcerada e espancada de tal maneira que sufriu unha hemorraxia cerebral fatal. Na sexta-feira, a moza faleceu nun hospital de Teherán.

Hengaw informou que 14 persoas feridas nos protestos en Saqqez permanecen actualmente hospitalizadas no Hospital Shafa. Apesar de estaren feridas e hospitalizadas, recibiron presións dos axentes de seguranza, que as interrogou. Así mesmo, os informes da organización de dereitos humanos indican que as institucións de seguranza de Saqqez ameazaron o persoal do hospital por informar da situación e do número de persoas feridas.

Por outra banda, nos protestos do sábado pola noite en Sanandaj, polo menos cinco cidadáns resultaron feridos, tres deles por disparos de escopeta, e dúas persoas, unha delas unha adolescente de 14 anos, por pancadas e porrazos. Todas elas tiveron que ser ingresadas no hospital.

En Saqqez, polo menos oito cidadáns foron detidos polas axencias de seguranza, e apenas cinco deles, Arian Majidzadeh, de 17 anos, Midia Rahimi, de 17 anos, Ahwan Houshmand, Kamyar Heydari e Bahram Didar, puideron ser identificados por Hengaw.

Tamén decenas de activistas kurdas nas cidades de Sanandaj e Saqqez foron ameazadas con ser detidas mediante chamadas telefónicas das axencias de seguranza nos últimos dous días, que lles ordenaron non participar nas manifestacións relacionadas co asasinato de Mahsa Amini e evitaren publicar posts nas redes sociais relacionados con este tema e tamén coa greve xeral na rexión do Kurdistán que se desenvolve hoxe.

Compre mencionar que a situación de seguranza nas cidades de Saqqez e Sanandaj continúa a ser inestábel. No domingo máis de 70 membros da Garda Revolucionaria (forzas de seguranza estatal), residentes en Mahabad e Bukan, foron enviadas a estas cidades. Por súa vez, decenas de forzas da Unidade Especial de Baneh foron destacadas na Prisión Central de Saqqez. O sábado pola noite, Hengaw revelou o envío de 130 persoas das forzas da Unidade Especial de Kermanshah ás cidades de Sanandaj e Saqqez.