O Goberno de Pedro Sánchez presentou un recurso días despois da resolución do Parlament, aprobada cos votos de JxCat, ERC, os comuns e a CUP. O obxectivo da comisión era investigar as “actividades irregulares ou delituosas de persoas vinculadas á familia real española, incluídas as destinadas a forzar a transferencia do domicilio social de bancos, grandes empresas e multinacionais fóra de Cataluña despois do 1-O”

 

Tribunal Constitucional

 

O Pleno do Tribunal Constitucional declarou a inconstitucionalidade e nulidade da resolución do Parlament catalán que aprobou o pasado 7 de marzo a creación dunha comisión de investigación sobre as actividades da monarquía, segundo informa Europa Press.

Foi o Goberno de Pedro Sánchez o que presentou o recurso perante o tribunal de garantías só uns días despois da resolución do Parlament, que foi aprobada cos votos de JxCat, ERC, os comuns e a CUP e contou co rexeitamento de Cidadáns, PSC-Units e PP.

O obxectivo desta comision era investigar as “actividades irregulares ou delituosas de persoas vinculadas á familia real española, incluídas as destinadas a forzar o transferencia do domicilio social de bancos, grandes empresas e multinacionais fóra de Cataluña despois do 1-O”, segundo constaba no texto que presentaron os impulsores e que se refería ás empresas que decidiron irse fóra da comunidade autónoma despois do referendo ilegal.

Ademais, querían que a comisión investigase as “supostas contas irregulares do rei emérito, Juan Carlos I, na Suíza e outros paraísos fiscais”, e as actividades irregulares ou delituosas que se poidan derivar das declaracións que fixo Corinna zu Sayn-Wittgenstein.

Non chegou a ser posta en marcha

Na súa impugnación xunto do Tribunal Constitucional, o Goberno invocou o artigo 161.2 da Constitución para paralisar o funcionamento da comisión e a posterior admisión a trámite fixo que efectivamente ficase paralisada. De feito, non chegou a ser constituída nin posta en marcha.

Na súa impugnación, o Executivo considera que a comisión de investigación excede as competencias de Cataluña, mais tamén o ámbito da función investigadora do Parlament, á vez que lembraba a inviolabilidade do xefe do Estado. De momento, o tribunal de garantías emitiu só o fallo da sentenza. O texto completo da resolución será dado a coñecer nos próximos días.

InfoLibre