A Plataforma pola Liberdade de Información (PDI) presentou na pasada cuarta-feira no Congreso un escrito dirixido aos Grupos Parlamentares en que lles pede votaren en contra da convalidación do Real Decreto Lei polo que se transpón a Directiva sobre copyright no referente á retirada de contidos da Internet.

A PLI defende que esta regulación contén elementos que vulneran un dereito fundamental como é a liberdade de expresión na Internet e pede que sexan retirados.

Máis especificamente, a PLI sinala o filtrado automático dos contidos da Internet, recolido no artigo 73, que regula o “Uso de contidos protexidos por parte de prestadores de servizos para partillar contidos en liña” e que transpón o polémico artigo 17 da Directiva, moi combatido pola Plataforma e polo resto de organizacións europeas de defensa dos dereitos dixitais.

O Real Decreto Lei, reproducindo sen matices a Directiva, obriga na práctica as plataformas á censura previa, e de forma automatizada, de calquer publicación para evitar seren responsabeis de posibeis infraccións por vulneraren dereitos de autor. Isto suporá que moitos contidos lexítimos serán retirados da rede sen ningún tipo de garantías nen de control humano.

A PLI reprocha ao Ministerio de Iceta non ter aproveitado a transposición da Directiva para introducir elementos esclarecedores e garantistas que eviten un impacto desproporcionado e inaceptábel para a liberdade de expresión.

Ameaza aos ‘Streamers’

Así mesmo, a PLI tamén levantaba na pasada semana a voz de alarme sobre unha perigosa previsión incluída no artigo 73.4 do Real Decreto Lei e que vai alén mesmo do que obriga a criticada Directiva: a posibilidade de poderen ser censuradas retransmisións en directo. “En relación cos contidos en directo, os prestadores de servizos para partillar contidos en liña deberán inhabilitar o acceso aos mesmos ou os retirar do seu site web durante a retransmisión do evento en directo en cuestión“.

No parecer da PLI trátase dun artigo que atenta contra a esencia mesma da Internet e é unha ameaza a novas maneiras de comunicación como son as retransmisións comentadas de acontecementos deportivos por  ‘streaming’. “Con este artigo 73.4, o Ministerio de Iceta inventou unha censura en directo que non está na directiva europea. Sen ningún tipo de control humano, nin xudiciario, nin garantía de ningún tipo”, segundo sinala o director legal da PLI, Carlos Sánchez Almeida.

Canon AEDE

Por outro lado, no que di respecto ao ‘canon AEDE’, a PLI aplaude que, con este Real Decreto se teña acabado con esta fórmula, moi negativa para o dereito á información, e daniña tanto para os medios como para anunciantes e usuarios. No entanto, reclama que o novo sistema para retribuir os medios de comunicación pola ligazón dos seus contidos sexa transparente e equitativo, de maneira que non teña un impacto negativo no pluralismo dod ecosistema dixital.

PLI