Mamadou Barry morreu despois de 20 días en coma após ter sido reducido polo persoal do centro. O Goberno da cidade critica o informe do órgao por ‘sementar unha dúbida moi preocupante’. Aínda se descoñecen as razóns da súa morte.

El cuerpo de Mamadou Barry, en el cementerio musulmán de Melilla, antes de ser enterrado. JOSÉ PALAZÓN    O corpo de Mamadou Barry, no cemiterio musulmán de Melilla, antes de ser enterrado. JOSÉ PALAZÓN

 

 

O corpo sen vida de Mamadou Barry foi enterrado en Melilla no pasado 20 de marzo. Tiña 17 anos, era de Guinea Conakry e residía no Centro Educativo de Menores Infractores de Melilla, coñecido como Centro de Reforma Baluarte. O 22 de decembro de 2017, o mozo morría no Hospital de Melilla despois de pasar 20 días en coma.

Chegou á UCI directamente do centro, onde se desvaneceu ao entrar en parada cardiorrespiratoria cando pelexaba con outro compañeiro e foi reducido polo persoal de seguranza, segundo explicou no seu momento o conselleiro de Benestar Social de Melilla, Daniel Ventura. O presidente da Asociación Pro Derechos de la Infancia (Prodein), José Palazón, denunciou que o mozo tivera que ser conducido ao hospital despois de ‘recibir unha malleira no centro’. As declaracións non sentaron ben ao Goberno local, que anunciou unha querela contra Palazón, aínda que a día de hoxe, aínda non lle foi notificada.

“Na contención realizada ao menor observouse certa rudeza”, di o informe

Agora, o Defensor do Pueblo emite un informe en que advirte ‘certa rudeza’ por parte do persoal do centro á hora de conter Mamadou. A observación forma parte do informe realizado despois de varias visitas multidisciplinares ao centro en que os técnicos do Defensor do Pueblo puideron examinar as instalacións, entrevistarse cos menores e co director.

No documento, o órgao indica que tivo ‘problemas para acceder ás gravacións dos incidentes’, aínda que posteriormente lle foron remitidas pola Consellería de Benestar Social, e lembra ao persoal que deben aplicar os medios de contención física e mecánica seguindo os principios de respecto á dignidade persoal, proporcionalidade, intervención mínima e temporalidade, tal e como establece o protocolo.

Un protocolo que, por outra banda, non foi traballado cos encarregados de o aplicar após o fatal desenlace, segundo aprecia o Defensor do Pueblo. No documento, o órgao tamén suxire que se especifique o número de persoas que deben aplicar o protocolo para inmobilizar os menores en situacións así.

Segundo comunicou a Fundación Diagrama, encargada da xestión do centro, foron catro empregados os que aplicaron a manobra de contención ao novo falecido que, acto seguido, caeu ao chan sen pulso e sen respiración. Foi atendido polos servizos médicos do centro e trasladado ao hospital, onde acabou falecendo 20 días despois.

Sen autopsia forense

Ventura explicou que Mamadou sufría doenza cardíaca conxénita, aínda que nunca mostrou documentos que o acrediten. De feito, a causa da parada cardiorrespiratoria continúa a ser un misterio. Segundo José Palazón, ao menor guineano realizóuselle unha autopsia clínica, que ‘só determina que a morte se produciu por unha parada cardiorespiratoria, que é como morre todo o mundo’. “Para determinar a orixe da parada tería que facerse unha autopsia forense, mais posibelmente non se faga nunca porque o rapaz foi enterrado rapidamente, sen o consentimento da nai nin a avogada”, lamenta o presidente de Prodein.

O informe do Defensor do Pueblo tamén detalla malas condicións nas instalacións do centro como humidades, baixas temperatura nas estancias e ausencia de auga quente nas duchas, a falta dun sistema centralizado de abertura mecánica de portas e interfonos nos cuartos. Sinala que non se realizan analíticas de sangue nin control de doenzas de transmisión sexual á chegada dos menores ao centro e pide que se preste atención psicolóxica individualizada aos internados que a requiran. Suxestións que aínda están á espera de resposta por parte da Consellería.

Ante as observacións do Defensor do Pueblo, Daniel Ventura criticou o informe porque ‘sementa unha dúbida moi preocupante’ entre a poboación e entre os propios menores acollidos por Benestar Social, declarou ao Faro de Melilla. Para o Conselleiro, ‘os traballadores que levaron a cabo a contención do rapaz fixérono seguindo o protocolo establecido e foi por unha mera cuestión de seguranza’, e insiste en que Mamadou morreu por unha parada cardiorrespiratoria. ‘Se as autoridades xudiciais tivesen que seguir investigando, nós estamos a favor de que fagan o seu traballo’, subliñou o conselleiro.

A respecto das outras apreciacións e suxestións do Defensor do Pueblo, Ventura afirmou que supoñen un ‘círculo vicioso e moi complicado’, xa que reciben grande cantidade delas e respondelas ‘provoca unha retardación importante dos procedementos administrativos que teñen que ver cos menores, como levar a cabo os rexistros, a escolarización, documentalos ou sacarlles o cartón sanitario’.

Jairo vargas

Fonte: Público