No pasado mes de decembro, cun desenvolvemento motivado e prolixo incomún nos escritos deste organismo, o Defensor del Pueblo recoñecía a EsCULcA que o tratamento cruel que F.J.S.R. recibía no penal de Teixeiro, onde estivo interno até ser transferido ao cárcere da Lama, carecía de amparo legal e regulamentar na normativa prisional. Mais pouco dura a alegría na casa do pobre. Un mes máis tarde, retomando o habitual estilo burocrático, o DP dá por fechado o asunto.

 

Resultado de imagem para francisco fernandez marugán Francisco Fernández Marugán – Defensor del Pueblo

 

Lembremos que o Defensor del Pueblo (DP) informara a EsCULcA que a situación en que se achaba F.J.S.R. no cárcere de Teixeiro, e portanto a idéntica situación en que está agora no cárcere da Lama, carecía de calquera amparo legal. Tamén informaba o Defensor que Institucións Penitenciarias tiña pendente de enviarlle o novo programa individual de tratamento do penado -solicitado tanto polo DP como polo propio F.J.S.R.- e recoñecía que a administración mostraba pouco entusiasmo en corrixir unha situación manifestamente ilegal, que organismos internacionais califican como tortura.

EsCULcA reclama ao DP unha actitude proactiva

Pois ben, como os feitos que o propio DP describía no seu oficio como non amparados por norma legal ou regulamentar polo seu carácter doloso poderían ser constitutivos -como mínimo- dun delito de rigor innecesario e mesmo dun delito de tortura e/ou trato inhumano e degradante, EsCULcA solicitou ao Defensor nun novo escrito de 25 de decembro non agardar novos requerementos e iniciar xestións conducentes a pór fin á situación cruel que vivía F.J.S.R.. En concreto, determinar un cronograma de levantamento da súa situación, notificar ao penado ese cronograma e, caso non cesar a situación descrita no prazo determinado, pór os feitos en coñecemento do xulgado de garda competente para o exercicio de accións penais.

Volta á rotina burocrática

O 1 de febreiro deste ano, O DP voltou escribir a EsCULcA, mais onde antes se recoñecía que ningunha lei nin regulamento prisional ampara un réxime de vida tan cruel, en confinamento solitario sen contacto humano de ningún tipo as 24 horas do día, agora axítase a norma con que Institucións Penintenciarias legaliza e ampara calquera inhumanidade: o Ficheiro de Especial Seguimento -FIES-1-CD-. “Allí figura que, si bien el interno gozará de las horas previstas de patio reglamentariamente, no podrá coincidir con ningún otro interno”, repetía obediente o DP.

E para soslaiar calquera compromiso, nada dicía xa sobre exames médicos realizados a distancia e através da pequena xanela da porta da cela, nada sobre a inexistencia de actividades deportivas ou culturais, nada sobre a ausencia absoluta do máis mínimo contacto humano a algunha hora do día.  E, claro está, nada sobre o anunciado novo programa individual do penado nin sobre as intervencións solicitadas por EsCULcA.

Resposta do Defensor del Pueblo