Con data de rexistro 11.12.18, en oficio motivado e prolixo, a Oficina do Defensor del Pueblo (DP) contestou a Queixa presentada por EsCULcA no pasado 23 de xullo relativa ás restritivas condicións impostas a FJSR no penal de Teixeiro, onde está recluído en confinamento solitario desde hai dous anos, nunha galería en que el é o único interno e sen ningún tipo contacto humano. A resposta de EsCULcA a este escrito foi rexistrada o día 25 do mesmo mes.

 

Resultado de imaxes para defensor del pueblo madrid

 

No seu oficio, o DP informa a EsCULcA das medidas que demandou a Institucións Penitenciaria e das respostas recibidas desta admistración. De todo o exposto no escrito decorre que o DP compartilla a preocupación do observatorio pola situación do penado FJSR e estima tamén que a situación en que este se acha carece de amparo legal e regulamentar na normativa prisional.

Asi mesmo comunica ao observatorio que Institucións Penitenciarias ten ainda pendente enviar ao DP o novo programa individual do tratamento (PIT) de FJSR, solicitado tanto polo Defensor como polo propio penado. Mais é preciso recoñecer que, infelizmente, polas respostas recibidas até agora, é fácil deducir que a Administración prisional non ten a menor intención de modificar o réxime de vida actual, apesar do criterio expresado polo DP sobre o seu carácter manifestamente ilegal.

Isto leva o observatorio a concluir que non é previsíbel que a cruel situación en que está desde hai anos FJSR sexa modificada en breve, apesar de ser coñecido polo DP que unha situación menos restritiva que esta foi no seu día calificada polo Relator Especial contra a Tortura como acto que infrinxe o artigo 7 do Pacto Internacional dos Dereitos Civis e Políticos e os artigos 1 e 16 da Convención contra a Tortura, polo que -como mínimo- há de ser calificado como acto inhumano ou degradante sen prexuízo de tamén poder ser considerado tortura.

O papel do Defensor del Pueblo e o MNPT

Evitar e prevenir de forma proactiva a comisión deste tipo de actos é tarefa asignada ao DP -lembra EsCULcA na súa resposta ao oficio do 11.12.2018-tanto na súa condición de tal como na súa función de Mecanismo Nacional para a Prevención da Tortura (MNPT), condición que o obriga igualmente a pór en coñecemento da xurisdición todos aqueles feitos que estime poderen ser constitutivos de infracción penal.

Pois ben, os feitos que o propio DP describe no seu oficio como non amparados por norma legal ou regulamentar, polo seu carácter doloso, poderían ser constitutivos -como mínimo- dun delito de rigor innecesario e mesmo dun delito de tortura e/ou trato inhumano e degradante, polo que, loxicamente, para intervir non compre agardar requerementos.

Por estas razóns, EsCULcA requer ao DP determinar un cronograma de levantamento da situación de FJSR cuxo prazo de execución non demore alén de dous meses desde a data de recepción do seu escrito e que este cronograma sexa notificado tanto ao penado como ao observatorio. Caso non cesar esa situación no prazo determinado por ese cronograma, EsCULcA instao a pór os feitos en coñecemento do xulgado de garda competente para o exercicio de accións penais.

Tamén solicita o observatorio se informe ao Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa e ao Relator Especial contra a Tortura das Nacións Unidas de todo este procedemento.

Resposta de EsCULcA ao oficio do DP de 11.12.2018