Os directores do centro Homestead de Florida denomínano refuxio, mais os activistas denuncian que o ambiente é máis parecido ao dunha prisión

 

Denuncian miles de abusos sexuales a menores no acompañados en la frontera de EEUU. – Homestead – Florida – Ao redor de 1.620 crianzas vivían na instalación cando se escribiu este artigo

Nin sequera o ruxido enxordecedor dun avión a reacción F-16 voando baixo no ceo da base aérea próxima a Homestead consegue distraer os adolescentes do seu partido de fútbol. É o seu prezado último momento ao aire libre antes de seren obrigados a facer fila e volver entrar, escoltados e observados por gardas fardados, ás tendas de campaña xigantes que albergan improvisadas aulas aquí, no sur da Florida.

Son nenos que ficaron no limbo legal, sob a custodia do goberno estadunidense, tal e como declarou na cuarta-feira en Washington a secretaria de Seguranza Interior, Kirstjen Nielsen, ao referirse ás duras políticas de inmigración e o aumento de migrantes que tentan entrar nos Estados Unidos. Os migrantes teñen entre 13 e 17 anos e proveñen de países como a Guatemala, Honduras e O Salvador. Percorreron un perigoso camiño desde os seus países de orixe, en moitos casos sós, para chegar á fronteira sur dos EUA.

Foron arrestados por axentes fronteirizos ao pisaren territorio estadunidense e levados ao que se describe como un refuxio temporario de 20 hectares en Homestead, a uns 48 quilómetros ao sur do centro de Miami. Alí debían agardar até se reuniren con familiares ou gardiáns que xa residían nos Estados Unidos. Ou, en casos menos frecuentes, para seren enviados ao seu país se non encontran ninguén que os reciba.

A presenza do campo, o máis grande deste tipo nos EUA, é polémica. Tanto activistas como algúns políticos denuncian que nestas instalacións con 1.700 camas e un réxime de tipo militar vívese nun “clima de cárcere”, encadrado no tipo de vida que deben levar os menores de idade que sofren as duras políticas migratorias de Donald Trump.

Entretanto, os directores deste campo de xestión privada din que esa descrición é “desalentadora” e insisten na denominación oficial de “centro de aloxamento provisorio para crianzas migrantes non acompañadas”. “Este non é un centro de seguranza, é un refuxio”, argumentou a directora de programas do campo, que non quixo ser identificada polo seu nome por medo a que manifestantes comecen a aparecer na porta da súa casa. “Aquí non obrigamos as crianzas a nada”.

Aínda así, a directora recoñeceu que as crianzas non poden abandonar o campo, que está escondido da vista do público por valados e custodiado por gardas armados. Non, a non ser que sexa para irse cun gardián, un representante consular ou custodiadas por ICE, a axencia de seguranza de inmigración e alfándegas dos EUA, cando fagan 18 anos. “Onde vai ir unha crianza de 13 anos?” pregúntase a directora, unha empregada civil de Comprehensive Health Services, que é a empresa da Florida contratada para xestionar o centro. “Poríanse en perigo”.

Viven sob o máis estrito control
Cando na semana pasada The Guardian visitou o campo, convidado o Departamento de Sanidade e Servizos Humanos dos Estados Unidos (HHS), residían alí 1.621 crianzas, das cales un 70% eran homes. Todas chegaran á fronteira de forma independente e non foran separadas de familiares. HHS afirmou que hai pouco recibiran a orde de aumentar a capacidade de aloxamento do campo a 2.350 camas.

 

Refugio temporal de Homestead para niños no acompañados en 2016.

 

A populación do centro varía día a día, asegurou Mark Weber, portavoz da secretaría de servizos humanos do HHS, e afirmou que o día previo á visita de The Guardian ingresaran 238 crianzas e 241 saíran del.

Os adolescentes dormen en dormitorios dentro da residencia dun campus do Departamento de Traballo en desuso. Pasan os días en clase, aprendendo inglés, lendo, escribindo, estudando matemáticas, artes, manualidades e ciencias. Reciben pratos quentes e refrixerios tres veces ao día. O día da visita, o menú incluía peixe, arroz e fabas. The Guardian non puido falar coas crianzas, mais un mozo riseiro asegurou que a lección de mates era fácil, mentres outro saudou co polegar no alto e dixo que a comida era boa.

Hai tres campos de fútbol e ademais outros de vóleibol e baloncesto. Organízanse eventos e competicións, como o xogo de puxar da corda e carreiras. As áreas comúns teñen pantallas xigantes para ver filmes e xogar con consolas Xbox, que poden ser utilizadas nos fins de semana e como premio por bo comportamento, dixeron a The Guardian.

Aínda que pode soar a que o ambiente é similar ao dun campamento de verán para estudantes, hai moitas cousas que nos lembran que non é así. Entre os debuxos colados nas paredes hai cartaces sobre o procedemento para denunciar abusos sexuais -que nos lembran que o mes pasado foi denunciado que millares de crianzas migrantes sufriran abusos cando estaban sob a custodia do goberno dos EUA. A directora de programas insistiu en que non houbo ningún incidente en Homestead nos 12 meses que leva funcionando o centro.

Está estritamente prohibido tocar outra persoa, o cal significa que mesmo se unha crianza abraza o irmán, pode ser amoestada e recibir medidas disciplinares. Todas as crianzas deben acordar ás seis da mañá, os sete días da semana. As luces apáganse ás dez da noite. Están supervisadas as 24 horas do día desde un centro de control grazas a uns cartóns intelixentes que levan pendurados do pescozo e deben escanear cada vez que mudan de localización.

Non teñen acceso a móbeis nin a Internet. As chamadas telefónicas persoais, que os directores aseguran que non son escoitadas, limítanse a dúas chamadas de 10 minutos á semana.

Dous meses de reclusión
O tempo de estadía media das crianzas é de 58 días, tempo durante o cal traballadore/as sociais tentan situar e investigar posibeis gardiáns. Aínda que o acordo de Flores de 1997 estableceu en 20 días o tempo límite de detención de crianzas migrantes, Homestead non está obrigado a cumprir ese prazo por ser denominado como refuxio temporario non un centro de detención permanente.

As manifestacións ás portas do refuxio son diarias. “Este centro é como o Tornillo, mais na Florida”, afirmou Joshua Rubin, un activista que pasou semanas nas portas dun refuxio para crianzas migrantes similar a este en Texas até o fecharen en xaneiro, dous meses despois de sair á luz un relatorio que denunciaba “importantes compromisos coa saúde e a seguranza da/os menores” no polémico campo. “Isto é exactamente igual: un centro de migrantes en territorio federal que salta as leis locais. É un centro ilegal”.

Segundo os grupos de activistas que denunciaron legalmente o goberno de Trump, hai temas máis obscuros ao redor da detención de crianzas migrantes a mans do Goberno. O Southern Poverty Law Center dixo que descubrira evidencia de que a oficina de reasentamento de persoas refuxiadas nos EUA partillaban proactivamente con ICE a información obtida durante o proceso de reunificación de familias, utilizando as crianzas como isca para identificar os tutores en situación irregular.

“A información que obteñen das familias ou patrocinadores é partillada con ICE, así como información sobre calquera persoa que viva na mesma casa que esa familia”, dixo Saira Draper, unha experimentada avogada do SPLC. “Sospeitabámolo desde o principio, mais comprobámolo cando obtivemos unha nota filtrada que aseguraba que esta política do goberno é utilizada para desalentar a inmigración”.

“O feito de que se poida deportar un gardián e unha crianza fique detida máis tempo non é un efecto colateral desafortunado, senón que é o propósito desta política”, engadiu.

O impacto dun encerramento tan prolongado pode ser extremamente daniño para as crianzas, segundo Shani King, director do centro para crianzas e familias da Universidade de Florida. “O Goberno non serve para criar crianzas”, dixo. “O mero feito estas crianzas non saberen cando voltarán ver as súas familias xa é obviamente traumático para elas. E, mesmo cando son liberadas, poucas reciben a asistencia necesaria para compensalas polo fracaso inicial do sistema”.

Richard Luscombe

eldiario.es