A historia deste home que en  breve será xulgado por un delito de desobediencia á autoridade comezou co roubo da súa moto. Cando viu que estaba, presentouse na comisaría da Policía Nacional para pór a correspondente denuncia. Aos poucos días, comezaron as chamadas telefónicas dos axentes e os empecillos burocráticos. Agora o Fiscal pede para el 6 meses de prisión.

 

Poucos días despois da denucnia, «comezaron as chamadas telefónicas dos axentes pedíndome máis datos da subtracción», lembra o agora procesado. Mesmo nunha ocasión un coche patrulla presentouse no seu domicilio para esixirlle nova documentación. Até aí, o normal. Todo dá unha virada cando o asunto chega aos xulgados. «Após unha citación, vou a unha especie de vista previa. Máis tarde chámanme para declarar ante o xuíz. Presto declaración e pouco despois volve chegarme unha carta a casa cunha nova comparecencia no xulgado, pois me requirían máis documentación da moto». Non tardou moito a sala de instrución en volver reclamarlle outro papel. Nesta ocasión, unha fotocopia que non entregara na ocasión anterior.

Citacións

Prodúcese outra chamada aos xulgados ás poucas semanas, mais ao home pasóuselle o día. Volveron citalo para entregar máis documentos. «Chamei ao xulgado e díxenlles que eses papeis xa os entregara, polo que a persoa que me colleu o teléfono díxome que daquela non facía falta que me presentase nas dependencias», sinala o agora xulgado. Despois concertaron outra comparecencia. E a esa tampouco se presentou porque estaba de viaxe. Naqueles momentos, a pesar de querer cumprir coa Xustiza, non pensaba que á vítima lle fose ter algún problema por faltar tres veces, das sete que foi citado. Non quedou aí a cousa. Máis adiante pedíronlle uns papeis para a peritaxe, «algo que non tiña, o que o xuíz xa sabía desde o día en que me tomou declaración». Así chegouse á comparecencia nos xulgados que nunca se esperaba o dono da moto roubada. Nesa ocasión, xa non era o Xulgado de Instrución número 4 que o citaba, senón unha sala do Penal. «Acudo á cita e a miña sorpresa foi maiúscula. O primeiro que me preguntan é se levo avogado, xa que estou acusado de desobediencia á autoridade». Coa lei de axuizamento criminal na man, a Fiscalía solicita que lle sexa imposta unha pena de 2 meses de prisión, unha multa e o pagamento das costas procesuais. Pasan os días e volven chamalo. Preséntase no xulgado e dinlle que o fiscal elevou a petición de condena. Xa non pide dous meses de prisión, senón seis. Agora está á espera de ser xulgado.

Ler máis