Por atirar unha ola de cociñar no chan. Este foi o motivo que levou a Policía Nacional a denunciar R.N., da Executiva Confederal da CIG e activista dos dereitos e liberdades civís, ao Concello de Santiago de Compostela. O sindicalista terá que facer fronte a unha sanción económica de 200 euros. Segundo a notificación da denuncia, a multa débese a que o sindicalista “arroxou á vía unha ola de cociñar de dimensións considerábeis”. R.N. sinala que se trata da pota que tivo que sacar da bagaxeira para os axentes rexistraren o vehículo.

O episodio tivo lugar hai perto de dous meses nas inmediacións do Hospital Clínico de Santiago, a onde o sindicalista acudira para se entrevistar cunha integrante da Executiva Comarcal do sindicato, delegada da CIG-Saúde. A propia central sindical denunciou no seu día que unha vez concluída a xuntanza e cando o sancionado se achegaba ao seu vehículo “unha patrulla da Policía Nacional que pasaba naquel momento pola zona detívose de súpeto e dirixiuse a el para lle comunicar que o ían propor para unha multa de tráfico”.

Denuncia Renato Núñez

Malia careceren de competencias na materia, tal e como advertiu a CIG, os axentes insistiron en comprobar a ITV e o seguro do coche, cunha actitude “soberba e de prepotencia”. Segundo o sindicato, nos arredores do hospital había ducias de vehículos estacionados en dupla fila e mesmo sobre beirarrúas, mais os axentes só se dirixiron a R.N..

O propio afectado denunciara que os axentes actuaran con agresividade, golpeárano e guindáranlle o teléfono ao chan. Aliás, foi retido á beira do seu coche, que foi rexistrado. E non só. Os policías dedicáronse a ler documentación interna da CIG que había no vehículo.

A CIG chegou a subliñar que o “abuso” sufrido por Renato Núñez “non é casual, senón que se trata dunha persecución contra a súa persoa e o sindicato que representa”. De feito, segundo o sindicalista, un dos axentes dirixiuse a el para lle dicir “R,, no me montes numeritos que te conozco”.

Artigo publicado en Sermos Galiza (24/09/2017)