O Ministerio Público acusa a Delegada do Goberno e a vice-presidenta de Ceuta  de prevaricación por omitiren todos os trámites do procedemento durante a devolución no pasado verán de 55 menores que entraron na cidade durante a crise de maio.

 

 

Menores ceuta tarajal naveUn rapaz marroquino cando é conducido ás naves do Tarajal de Ceuta, onde se improvisou o acollemento de centos de persoas que cruzaron irregularmente a fronteira durante a crise entre España e Marrocos de maio de 2021.

 

Jairo Vargas Martín

A Procuradoría de Ceuta presentou na pasada sexta-feira no Xulgado unha denuncia por un suposto delito continuado de prevaricación administrativa contra a delegada do Goberno en Ceuta, Salvadora Mateos, e contra a vice-presidenta e conselleira de Presidencia e Relacións Institucionais da Cidade Autónoma, María Isabel Deu, segundo informou nun comunicado.

A denuncia chega despois da expulsión a Marrocos no pasado agosto de 34 menores migrantes que entraran na cidade durante a crise fronteiriza de hai un ano, cando máis de 10.000 persoas cruzaron a nado a fronteira que o país veciño deixara de controlar. Ao redor de 1.200 destas persoas aseguraron ser menores sen referentes familiares nin tutores que as acompañasen e foron filiadas como tal, polo que era a Cidade Autónoma a autoridade competente de garantir a súa protección e tutela.

As expulsións foron levadas a cabo por pedido do Ministerio do Interior e levantaron as críticas de numerosas organizacións defensoras de dereitos humanos e de protección da infancia. Efectuáronse, segundo alegaron tanto a Delegación do Goberno como Interior, en virtude dun Acordo bilateral entre os reinos de España e Marrocos que entrou en vigor en 2013 mais que nunca se aplicou até ese momento.

Segundo este acordo, calquera repatriación de menores marroquinos non acompañados debía realizarse seguindo todos os trámites requiridos pola lei española, as normas e principios de dereito internacional e da Convención sobre Dereitos da Crianza. Uns mecanismos deseñados para determinar cal é o interese superior de cada menor, que, con diferenza ao que repetiu en varias ocasións a delegada do Goberno, non sempre é voltaren coas familias nin ao seu país de orixe.

Non se fixo así e, após as primeiras 55, un xulgado ceutí paralisou as expulsións por esa razón, coa beneplácito da Procuradoría de Ceuta.

Disposicións legais “omitidas conscientemente”

Dez meses e varias denuncias despois, o Ministerio Público considera que foron omitidas de forma voluntaria e consciente as disposicións legais e o procedemento establecido no ordenamento xurídico vixente sen verificar a concorrencia dos supostos legais que así o permitisen nun Estado de Dereito”. quer dicir, que o Goberno foi consciente en todo momento de que non cumpría o protocolo establecido, apesar de que o ministro do Interior insistiu en varias ocasións en sede parlamentar en que os dereitos dos menores repatriados foran respectados en todo momento.

“Non só se omitiron algúns dos trámites preceptivos do procedemento senón todos, ao non existir rasto algún do expediente de repatriación esixido polo Acordo entre ambos os países”, asevera a Fiscalía nas dilixencias de investigación.

Engade que tampouco consta a incoación de procedemento nin o pedido de informes da situación familiar do menor, a fase de alegacións, o trámite de audiencia, a fase de proba, “nin sequera a resolución acordando a repatriación dos menores ou a comunicación á Procuradoría”, insiste. Todos eles son os trámites necesarios segundo a lei española para expulsar menores estranxeiros non acompañados.

Na súa investigación, o Ministerio Público recolleu declaracións de cargos e funcionarios que puidesen ter intervido no proceso de repatriación. Esta foi iniciada na secuencia da denuncia presentada pola Asociación para o Desenvolvemento Integral (L’ESCOLAC) no pasado mes de outubro.

Interior, libre de responsabilidades

As expulsións comezaron a realizarse case por sorpresa despois de o Ministerio do Interior o solicitar. Contodo, o departamento de Fernando Grande-Marlaska saíu ileso desta grave vulneración de dereitos dos menores apesar da denuncia interposta contra o seu pedido pola Rede Española de Inmigración e Axuda ao Refuxiado. A Audiencia Provincial considerou o pasado outubro que o correo electrónico en que pedía á Delegación do Goberno de Ceuta que dese comezo ás repatriacións era simplesmente unha “actuación administrativa” que non tiña “ningún efecto xurídico ad extra ou frente a terceiros”.

Así pois, serán a delegada do Goberno e a vice-presidenta da cidade as que se enfrenten as posibeis consecuencias penais desta operación. A Delegación do Goberno de Ceuta respondeu afirmativamente á petición de Interior que, segundo lembra a Procuradoría, non estaba “subscrita por autoridade ou funcionario algún”. A Procuradoría da Audiencia Nacional xa cualificou como “nulo de pleno dereito” este proceso no pasado setembro.

Tres días despois desta troca de correos entre Interior e a Delegación do Goberno comezaron as expulsións de 145 nenos sós, aínda que chegaron a realizarse apenas 55, xa que o 16 de agosto foron paralisadas por orde do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ceuta.

Segundo as autoridades ceutís, aínda restan ao redor de 300 menores acollidos na cidade desde a crise de maio de 2021. Moitos lograron chegar á península, outros cumpriron a maioría de idade e algúns desapareceron. O Goberno continúa traballando para a repatriación seguindo esta vez todos os trámites legais necesarios, aínda que polo momento non se informou de ningunha expulsión.

Público