A familia de L.A.F.daS., preso no cárcere de Bonxe (Lugo), denuncia que este recibiu unha malleira a mans de nove funcionarios na enfermaria do centro penitenciario, e despois foi duramente represaliado: denunciado por supostamente agredir tres deles, regresado a primeiro grao, alxemado á cama sen lle ser permitido ir ao cuarto de baño e posteriormente transferido ao cárcere da Lama. 

 

Segundo o relato dunha familiar próxima, L.A.F. da S., foi levado á enfermaria do centro penitenciario con visión borrosa e fortes dores de cabeza, probabelmente vítima dun ictus. Ao ingresar un membro do persoal sanitario dille que consumiu droga e que lle van facer unha análise de urina. Cando L.A.F. da S. tenta urinar sofre un desmaio e perde o conhecemento. Pouco despois volve en si asustado e axitando os brazos (posibelmente como consecuencia da inxección que lle dera o enfermeiro). Entre convulsións golpea sen querer un funcionario que, irritado, chama por outros e entre todos (nove no total) propinan a L.A.F. da S. unha malleira coas porras que lle deixa numerosos negróns no corpo e un ollo ensangrentado. Para evitar que sexa visto polos compañeiros, L.A.F. da S. é obrigado a permanecer alxemado dous días á cama sen poder levantarse para ir ao cuarto de baño.

Agora, en castigo por tan involuntaria “agresión” será transferido ao cárcere da Lama (mais lonxe do lugar de residencia da familia) e regresado de grao, despois de ser acusado de agredir tres funcionarios.

 

Ler máis.