Segundo a denuncia do colectivo C.A.M.P.A. todo comezou cando un dos presos -M.E.S.- denunciou que o suposto suicidio doutro interno fora debido a ter sido vítima dos constantes malos tratos, ameazas e coaccións a que o sometían diversos funcionarios do penal. A denuncia custoulle unha malleira da que M.E.S. tardou semanas en recuperarse e que foi por súa vez denunciada por outro preso -F.M.T.-, que é agora obxecto de terribeis abusos.

 

Tercer suicidio en la cárcel de Zuera desde su inauguración

 

F.M.T., preso no módulo de isolamento de Zuera, publicou no ano pasado por estas datas unha carta en que narraba a brutal malleira de que fora vítima M.E.S. de que el, xunto con outros presos, fora testemuña.

Naquela altura, M.E.S estaba preso en Zuera e denunciara o suposto suicidio dun rapaz a quen varios funcionarios provocaran durante días con golpes, ameazas e presións. Unha situación en extremo difícil que o levou afinal a tirar a vida. M.E.S. tardou semanas en recuperarse da brutal malleira que recibiu. Os funcionarios chegaron mesmo a porlle unha corda no pescozo convidándoo a ‘suicidarse’. Finalmente M.E.S. foi transferido a outro cárcere, práctica moi habitual cando se producen incidentes de importancia.

Despois foi a vez de F.M.T., a quen os funcionarios non deixaron en paz desde o momento en que denunciou a agresión a M.E.S. A garda que participou na malleira mantén desde entón unha actitude arrogante e F.M.T. é obxecto de constantes ameazas, insultos e coaccións, desaparece a súa roupa e el está sendo conducido ao desespero e a loucura.

No pasado día 11 de xuño, coa escusa de uns presos estaren a facer ruído e a tocar o timbre na galería de isolamento do cárcere, catro ou cinco funcionarios, xunto co Xefe de Servizos e armados con cascos, porras e coletes, presentáronse na súa cela entre as 22 e 23 horas. Pedíronlle sacar as mans polo ‘cangrexo’, alxemárono e conducírono polo corredor da galería D á zona libre de cámaras de vixilancia. Metéronlle unha rasteira que o fixo caer ao chan e comezaron a darlle pancadas na cabeza e nas costelas en canto lle pisaban as pernas. Un, de cabelo longo, deulle porrazos en pernas e glúteos até o Xefe ordenar parar. Non o levaron ao médico até o día seguinte, alegando que pola noite non hai persoal sanitario. Pasou a noite nunha cela da galería A, sen mantas e coa luz acesa permanentemente e nun estado de impotencia e raiba tal que o levou a arrancar a duche e facerse cortes nos brazos. O médico non estendeu parte de lesións. A súa avogada presentou denuncia en que solicita ao centro as gravacións das cámaras, o parte de lesións, que sexa recoñecido polo forense e que sexan apuradas as responsabilidades dos carcereiros e Xefe de Servizos de garda nesa noite.

CAMPA