O perfil racial continúa a ser unha das prácticas máis habituais e denunciadas en Catalunya: por cada persoa de nacionalidade española identificada, os Mossos identifican 7,4 persoas de nacionalidade estranxeira.

 

Guàrdia Urbana de Barcelona identificando un rapaz preto / PEDRO MATA -FOTOMOVIMIENTO

 

Era o ano 2011 e Toni estaba agardando o irmán na rúa, Tiña 13 anos e a nai quería que fosen xuntos comprar unha cartolina para a escola. Como tardaba moito en chegar, Toni colleu o teléfono para o chamar. Xusto nese momento, un coche da Policía Local de Gelida parou diante del e un axente duns 35 anos baixou do vehículo.

“Quen avisas?”, preguntoulle o axente. “Es de aquí?”. “Cantos anos hai que vives aquí?”. “A túa rúa cal é?”.  O rapaz, nervoso, respondeu a todo, mais o axente non cría nada do que lle dicía. Propúxolle acompañalo a casa para falar cos pais e comprobar que dicía a verdade.

Nunca chegaron a ir porque a nai do Toni chamouno nese momento e puido explicar ao axente que todo o que dixera o seu fillo era verdade. Mais, por veces, non hai proba algunha que o demostre, alén das túas propias palabras. O do Toni, un rapaz preto, non é un caso isolado. Este, como moitos outros, forma parte da práctica chamada “perfil racial”.

 

Toni, vítima do perfil racial: “Se fose branco e cos ollos azuis non me tería pasado”

Unha loita invisibilizada

Esta praxe consiste na identificación policial de persoas racializadas polos seus trazos físicos, e non polo feito de mostraren sinais de estar a cometer algunha ilegalidade. Plataformas anti-racistas como SOS Racisme loitan para combater esta realidade amiúde invisibilizada, mais coñecida por todas as persoas que pertencen ao colectivo discriminado. “Se fose branco e cos ollos azuis, nada diso me pasaría”, asegura Toni.

Marilda Sueiras, membro do Consello da plataforma SOS Racisme, atende os centenares de chamadas que reciben na plataforma cada ano para informar de delitos de odio.  O último relatorio que publicaron revela que en 2020 foron identificados un total de 41 novos casos de agresións e abusos policiais. Un 74% destes casos tiveron a súa orixe en identificacións por perfil étnico.

No entanto, é frecuente que só sexan denunciados os casos máis graves. Esta infra-denuncia responde a dous factores. O primeiro é o estado de vulnerabilidade en que se encontran moitas persoas pola súa situación irregular no país. “Máis do 50% dos casos son de persoas con nacionalidade española porque, cando alguén está nunha situación máis estábel do punto de vista legal, é cando máis tempo dedica á loita contra o racismo”, afirma Sueiras. O outro factor, tal como sinala o relatorio de SOS Racisme, é “a desconfianza na imparcialidade dun sistema xudiciario en que prevalece a versión dos policías”.

“Por veces, as persoas que discriminan outras descúlpanse, e iso tamén pode ser suficiente para a persoa”, explica Sueiras. Foi o que aconteceu ao Toni e á súa familia. A nai chamou á centralita para denunciar o episodio que sufrira o fillo e o axente, arrependido, foi desculparse. “Se o policía non tivese tido a actitude que tivo, a cousa tería chegado máis alá”, confesa Toni. A páxina web pareudepararme.org, promovida por SOS Racisme Catalunya, inclúe numerosos vídeos, con testemuñas, como este:

 

Estatísticas que se retroalimentan

“A Lei de estranxeiría xera esta segregación en que hai cidadáns de segunda que non teñen acceso a certos dereitos. O estranxeiro non vive: sobrevive”, lamenta Sueiras. Esta situación provoca que moitas destas persoas se vexan instigadas a cometeren delitos, máis vinculadas á pobreza e á precarización

 

Marilda Sueiras (SOS Racisme): “Se só son identificadas persoas racializadas, a mesma policía distorce a estatística”

 

“Como na práctica é suposto que hai máis xente estranxeira que delinque, a policía fíxase moito máis nestas persoas”, explica tamén a representante de SOS Racisme. “O que acaba por acontecer é que, se só son identificadas persoas racializadas, evidentemente haberá algunhas que delinquen; mais, deste xeito, a mesma policía distorce a estatística”, conclúe.

No ano 2017 en Catalunya, un 54,1% de identificacións tiveron por obxecto persoas estranxeiras. Estas, no entanto, representan apenas un 13,7% da poboación, segundo o relatorio sobre identificacións policiais por perfil étnico na Catalunya publicado por Pareu de parar-me.O relatorio é unha mostra de seis comisarías de todo o territorio catalán, e serve á plataforma para demostrar que, por cada persoa con nacionalidade española, son paradas na rúa 7,4 persoas con nacionalidade estranxeira. A seguinte infografía, tirada do relatorio citado, mostra que as situacións de racismo identificadas creceron nos últimos catro anos na Catalunya.

 

A versión oficial

Os Mossos d’Esquadra negan aplicar a práctica do perfil racial. Tamén negan que se fagan estatísticas de delincuencia por nacionalidade, que serían a orixe das paradas raciais. Así o afirma un porta-voz do Departamento de Comunicación do corpo policial en Barcelona. “Nós pomos nas notas a nacionalidade, mais despois non as contamos porque alguén podería interpretar iso como unha opción discriminatoria”.

“Nunca se pode facer unha identificación aleatoria. En todo caso, sempre hai un indicio. Ou ben por motivos de seguranza cidadá: foi cometido un delito a unha hora e nun lugar determinado e a persoa coincide coa descripción do delincuente. É unha cuestión preventiva”, explica outra axente dos Mossos. Contodo, o ex xefe dos Mossos d’Esquadra Eduard Sallent admitiu en 2020 a Els matins de TV3 que si existía un ‘biés étnico’ nas identificacións policiais e que ‘compre traballar para o correxirmos’, tal com o evidencia este chío cun fragmento da entrevista televisiva.

 

Image

Alto-falante para a extrema dereita

Nos últimos anos, a presenza da extrema dereita fíxose notar máis no panorama político e social do país. “É doloroso ver como foron silenciadas tantos anos as voces das persoas que sofren e loitan contra o racismo, e agora se dá voz a partidos que dividen, criminalizan e perpetúan unha situación de violencia”, sentencia Youssef M. Ouled, xornalista e investigador do perfil racial para Rights International Spain. E acrecenta: “O racismo non é unha opinión; é unha ideoloxía que tería que ser condenada de inmediato en calquera espazo”.

Youssef M. Ouled (Rights International Spain):  O racismo non é unha opinión; é unha ideoloxía que tería que ser condenada de inmediato en calquera espazo”.

 

Youssef califica a cobertura mediática da discriminación de ‘sensacionaista’ e explica que os casos son mostrados como sendo isolados e reforzan o imaxinario social sobre as persoas racializadas, nomeadamente o inmigrante. “Construíuse unha imaxe desde a discriminación que serve ás políticas racistas para lexitimaren o control destes grupos sociais, asociados á delincuencia. Agora serve aos partidos de dereita, que utilizan estes discursos para dividir a sociedade”, conclúe o especialista.

Toni ten agora 24 anos e confesa que non viviu ningún outro episodio semellante coa policía. Foi discriminado en varias discotecas e recibiu algún comentario desafortunado no futbol, iso si. Mais considérase unha persoa afortunada e ten clara a súa posición. “Cando alguén se expresa con certa liberdade e ofende unha persoa, esta deixa de ser libre. O respecto a unha persoa acaba cando as palabras non respectan outras persoas e colectivos”, afirma convencido.

El Critic