Nova denuncia contra a “vulneración de dereitos” que, supostamente, estaría a ter lugar no interior do cárcere da Lama. A coordinadora anti-represiva galega Abaixo os muros! vén de denunciar unha problemática que, segundo a plataforma leva vixente no centro penitenciario pontevedrés dende mediados do mes pasado. Segundo destacan, a dirección do centro estaría a limitar de facto o dereitos dos presos ao vis a vis co gallo da circunstancia sanitaria. 

.

 

Prisión de A Lama Prisión de A Lama | Fonte: blogcarcelalama.blogspot.com

 

Esta “vulneración grave e sistemática dos dereitos” dos presos na Lama viría dada despois de os internos deste centro teren pasado “seis meses” sen a posibilidade de acceder a estes vis a vis que, de acordo coa plataforma, están considerados como dereito no regulamento carcerario español. A problemática viría por que, a seguir este medio ano sen a posibilidade, os vis a vis regresan “nunhas condicións abusivas que, de novo, vulneran os seus dereitos básicos”.

A cuestión estaría en que, de acordo coa plataforma, “os presos e presas deberán gardar corentenas de isolamento de dez días após cada vis realizado, num módulo especial destinado a tal fin”. “Este isolamento”, explican, “pode ser equiparado ao castigo mais duro que prevé o proprio Réxime Penitenciario (que é de 14 días), e aínda o supera, xa que  neste caso os presos permanecerán isolados sen saídas ao patio (o isolamento de castigo contempla unha saída de 2 horas)”.

CUARENTENA “INFUNDADA”

Estas restricións, desenvolvidas ao abrigo da situación sanitaria, implica unha redución do número de vises solicitados, que de acordo coa plataforma denunciante é xa “moi inferior” ao agardado “debido ás consecuencias do exercicio deste ‘dereito’, que nestas condicións non merece  ese nome. A asociación subliña que o isolamento, por riba, se desenvolve de forma “infundada”,  xa que as persoas son “colocadas en cuarentena” sen lles ter practicado antes unha PCR e aínda que non mostren sequera síntomas de ter contraído a patoloxía.

Galicia Confidencial