Xusto no mesmo día no que persoal mobilizado da CRTVG volvía protestar “contra a manipulación” e as “inxerencias políticas” no 98º venres negro, toda a oposición coincidiu en denunciar o “uso partidista” que, segundo aseguran, fai a Xunta dos medios públicos galegos. 

 

Mobilización de persoal da CRTVG no 98º venres negro © Defende A Galega

 

Foi durante a sesión da Deputación Permanente celebrada neste venres e que non foi retransmitida en directo pola televisión pública malia a situación de crise sanitaria polo coronavirus, o que foi duramente criticado por todos os partidos da oposición.

 

A oposición critica que “nin tan sequera durante unha pandemia” a TVG retransmita o debate na Deputación Permanente

 

“Temos uns medios públicos que en lugar de transmitir esta sesión están cun programa de cociña ou c’A Revista… Non ten sentido que gastemos 100 millóns de euros nos medios públicos se nin tan sequera nunha pandemia mudan ese guión de manipulación ao servizo de Feijóo”, dixo Ana Pontón nunhas críticas secundadas por Antón Sánchez, do Grupo Común da Esquerda.

O deputado e líder de Anova asegurou que “non é de recibo” que debates como o deste venres “non se retransmitan pola TVG”. “Cando comparecen outros, sempre hai espazo para que interveñan ou fagan propaganda”, dixo en alusión ás repetidas comparecencias de Feijóo que, precisamente, si foi protagonista da emisión en directo da súa rolda de prensa ao tempo que remataba o debate na Cámara. “Persoal da CRTVG leva 98 semanas protestando contra a utilización partidista dos medios públicos; se era así nunha situación ordinaria, agora é peor, como estamos comprobando”, insistiu.

.

 

Concentración de persoal da CRTVG, nunha foto de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

 

Precisamente, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou que Feijóo saíse nos medios públicos durante esta crise “600 veces máis que todos os líderes políticos da oposición” e criticou que “en lugar de estar na Deputación Permanente” estivese “dando a súa versión de forma unidireccional” e de novo coa TVG en directo.

 

A oposición denuncia o “uso partidista” dos medios públicos por parte da Xunta, que se defende lembrando que os telexornais teñen bos datos de audiencia

 

Desde o PPdeG, o seu portavoz parlamentar, Pedro Puy, negou a manipulación baseándose nos datos de audiencia dos telexornais da TVG, moi maioritaria aos da TVE, “unha cota de pantalla do 21% fronte ao 11%”. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tirou do mesmo argumento e acusou o Goberno central de practicar “a censura” e presumiu da “credibilidade” dos medios públicos galegos.

Desde eses medios, Defende A Galega, colectivo que representa o persoal mobilizado, apostan por que xornalistas e audiencia teñan “unha vacina contra a manipulación”. “En tempos de crise é precisa unha información rigorosa e veraz, pero botámola en falta máis que nunca. Esixamos unha CRTVG sen inxerencias políticas”, din.

Comunicado conxunto dos catro grupos da oposición

Xa á tardiña, os catro grupos parlamentarios da oposición, nun xesto inédito, difundiron un comunicado conxunto no que amosaron o seu “firme desacordo coa decisión da dirección da CRTVG de non retransmitir en directo a sesión da Deputación Permanente”.

“Resulta incomprensible que ante unha crise sanitaria sen precedentes que se ten cobrado a  vida de máis de 10.000 persoas, a televisión pública que os galegos e as galegas sufragan con  100 millóns de euros cada ano furte información sobre as propostas das formacións políticas para combater

a pandemia, tanto no aspecto sanitario como económico”, din, sinalando o director xeral da Corporación, Sánchez Izquierdo, como “principal responsable”.

Os catro grupos da oposición difunden un comunicado para denunciar a “utilización partidista dos medios públicos como canle de publicidade e propaganda ao servizo do Executivo de Feijóo e do PP”

 

 

 

COMUNICADO CONXUNTO DOS GRUPOS PARLAMENTARIOS BNG, PSdeG-PSOE, GRUPO COMÚN DA ESQUERDA E GRUPO MIXTO-EN MAREA CONTRA A MANIPULACIÓN RTVG

 

“É intolerable que, mesmo no medio dunha  pandemia, o PP siga facendo unha utilización partidista dos medios públicos e utilizando a televisión pública como canle de publicidade e propaganda ao servizo do Executivo de Feijóo e do PP”, engadiron, tras denunciar a “censura” dun debate que supón “a vulneración dun dereito fundamental”

Ademais, PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea amosaron a súa “solidariedade e apoio os traballadores e ás  traballadoras da CRTVG que tentan facer o seu labor con profesionalidade e rigor, e que hoxe mesmo cumpren 98 venres negros para denunciar a manipulación informativa e en defensa dunha RTVG ao servizo da sociedade galega”.

 

Os grupos parlamentarios PSdeG-PSOE, Común da Esquerda, Bloque Nacionalista Galego e Grupo Mixto facemos público o noso firme desacordo coa decisión da dirección da Corporación da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) de non retransmitir en directo a sesión da Deputación Permanente celebrada no Parlamento este venres 3 de abril de 2020.

Os medios públicos teñen a responsabilidade –profesional e legal– de achegar unha información plural, obxectiva, sempre guiada por criterios de imparcialidade, neutralidade e veracidade, prestando especial atención aos debates que se realicen na Cámara, tal como recolle na Lei de creación da CRTVG, a Lei de medios públicos audiovisuais de Galiza e no Mandato Marco da CRTVG.

Resulta incomprensible que ante unha crise sanitaria sen precedentes que se ten cobrado a vida de máis de 10.000 persoas, a televisión pública que os galegos e as galegas sufragan con 100 millóns de euros cada ano furte información sobre as propostas das formacións políticas para combater a pandemia, tanto no aspecto sanitario como económico.

Así, mentres no Parlamento as forzas políticas debatían medidas para afrontar a crise, a TVG emitía un programa de cociña explicando a elaboración dunha receita culinaria, anuncios da teletenda e o resto da programación ordinaria, por decisión da dirección do ente, con Alfonso Sánchez Izquierdo como principal responsable. É intolerable que, mesmo no medio dunha pandemia, o PP siga facendo unha utilización partidista dos medios públicos e utilizando a televisión pública como canle de publicidade e propaganda ao servizo do Executivo de Feijóo e do Partido Popular.

O dereito á información é un dereito fundamental que debe ser garantido en calquera situación e contexto, pero aínda máis en momentos de excepcionalidade. A decisión de censurar o debate parlamentario supón de facto unha vulneración dese dereito, porque impide o dereito das galegas e galegos a coñecer, contrastar e reflexionar sobre a acción política do goberno da Xunta en relación á crise polo COVID-19 e, tamén, negar o acceso ás opinións, posicións e propostas dos distintos grupos parlamentarios.

As forzas políticas que asinamos este comunicado solicitamos á dirección da CRTVG que actúe con responsabilidade de país, tendo en conta que se debe ao pobo galego e non aos intereses partidistas do PP, e que cumpra coa misión de servizo público garantindo unha información de proximidade que respecte os principios de pluralidade, imparcialidade, neutralidade e veracidade informativa.

Finalmente, queremos trasladar toda a nosa solidariedade e apoio os traballadores e ás traballadoras da CRTVG que tentan facer o seu labor con profesionalidade e rigor, e que hoxe mesmo cumpren 98 venres negros para denunciar a manipulación informativa e en defensa dunha RTVG ao servizo da sociedade galega.

 

Praza Pública