O Xulgado Central de Vixilancia Penitenciaria requereu no pasado 2 de xaneiro e por segunda vez en dous meses informe sobre o estado de saúde do preso M.P.M., despois de a súa defensa ter solicitado o acceso ao penal de médicos de confianza da familia. A defensa solicitara no mes de setembro autorización para que M.P.M. fose examinado por facultativos non pertencentes ao centro prisional á vista da evidente deterioración do estado de saúde do preso.

 

Albocasser
En tres ocasións foi requerida esta autorización a Institucións Penitenciarias mais a administración non deu resposta. Agora é o Xulgado Central de Vixilancia Penitenciaria, dependente da Audiencia Nacional, o que intervén despois de recoñecer non ter recibido os informes requeridos.
.
Albocasser: mortes, torturas e malos tratos
.
A situación que se vive no interior do cárcere de Albocàsser saiu á tona en varias ocasións por mortes e denuncias de tortura e malos tratos. A última persoa que morreu en estrañas circunstancias foi Manuel Fernández Jiménez, un mozo de 28 anos cuxo falecemento foi definido como “morte súbita”. No entanto, ao recoñeceren o corpo, os familiares detectaron signos evidentes de tortura e lesións producidas por unha pistola taser.
.
M.P.M. está clasificado en primeiro grao, o que supón limitacións en materia de comunicacións e vida social no centro. Periodicamente, a procuradoría da Audiencia Nacional promove a reabertura dalgún sumario xa arquivado valéndose de relatorios da Garda Civil. Despois eses sumarios acaban sendo novamente arquivados, mais a súa reabertura serviu para a aplicación ao preso dunha condena de prisión perpetua encoberta.
.