O letrado de 9 dos investigados na Operación Jaro denuncia o “incumprimento de garantías básicas” por parte do Tribunal Constitucional. “O proceso debía estar arquivado mais os tribunais teñen unha axenda política”.

 

Fachada do edificio do Tribunal Constitucional de España, en Madrid a 29 de novembro de 2019.. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo

Fachada do edificio do Tribunal Constitucional de España, en Madrid a 29 de novembro de 2019.. Eduardo Parra – Europa Press – Arquivo

 

Novo episodio no proceso legal contra os 12 integrantes de Causa Galiza detidos no cadro da Operación Jaro. Os representates legais de 9 das persoa investigadas, que serán xulgados por supostos delitos de enaltecemento do terrorismo e pertenza a banda armada, acaban de denunciar unha “infracción de dereitos fundamentais”.

A polémica Operación Jaro tivo inicio en 2015 coa detención dun total de 9 persoas pertencentes ao partido Causa Galiza, ás que despois se sumarían outras 3. Segundo destacou na altura o Ministerio de Interior, comandado polo ‘popular’ Jorge Fernández Díaz, a detención supuña un golpe ao terrorismo en tanto que a formación política, aseguraron, tería xurdido como sucesora dos apoios a Resistencia Galega, que no ano anterior fora declarada grupo terrorista.

O conflito apuntado por Manuel Chao, letrado que representa estas 9 persoas investigadas a título individual, comeza do propio xerme da investigación. Segundo destaca o avogado, a causa contra militantes da formación independentista xestouse sobre un procedemento que supón a “infracción de dereitos e garantías fundamentais”, alén de non haber “base” para supor a relación con Resistencia Galega apuntada pola Fiscalía

O avogado subliña que a investigación sobre os acusados foi desenvolvida de xeito “prospectivo”. “A causa xeral iniciouse sen ter constancia dun delito, senón para buscalo”, explica o letrado en relación a un trámite que podería implicar “unha quebra dos seus dereitos de participación política”, explica en relación aos acusados. “O resultado é que son acusados de dous delitos sen se ter practicado instrución substancial ao longo de 4 anos”, salienta.

A RESPOSTA DO CONSTITUCIONAL

A denuncia é coñecida publicamente cando o letrado decide elevar ao Tribunal Constitucional o suposto incumprimento, que se tería producido no cadro do xulgado número 6 da Audiencia Nacional. Neste momento, e sempre segundo a versión da formación, o Constitucional torna pasar o caso á Audiencia Nacional, indicando que “debe ser esta a que responda dos seus propios incumprimentos”, destaca o letrado.

 

Membros de Causa Galiza en Santiago de Compostela.. CEDIDA - Arquivo

Membros de Causa Galiza en Santiago de Compostela.. CEDIDA – Arquivo

 

O argumento empregado polo Constitucional para “evitar entrar na materia” é que o procedemento xudicial no seo da Audiencia Nacional non está esgotado; un esclarecemento que para Causa Galiza suporá, de facto, a desprotección dos acusados. “Deste xeito é o propio tribunal xulgador o que decidirá sobre a súa falta de garantías”, destaca Chao antes de apuntar que, debido a esta circunstancia, non será posíbel elevar o trámite ó Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos.

ATRASO E AXENDAS POLÍTICAS

As denuncias públicas por “violación de dereitos fundamentais”  feitas polas plataformas súmanse a unha serie de “incumprimentos” que Chao sinala como presentes ao longo do proceso. “Xa protestamos por unha atraso indebido do procedemento, que está a ser constantemente ampliado. Algúns dos cargos xa deberían ter prescrito, explica. Neste aspecto, o letrado incide en que, cando van xa case cinco anos das polémicas detencións, aínda non hai data para o xuízo. “Este procedemento debería ser arquivado, mais os xulgados tamén se moven por axendas políticas”, conclúe.

Galicia Confidencial