A polémica de Natal chega de mans da revista satírica Mongolia cunha capa que irritou moito os católicos. Na mesma é recreada o presepio e Xesús representado co emoticon dun excremento baixo o título “Naceu o fillo de Deus! Cuspidiño ao pai!
Despois de ter sido divulgada nas redes, o Instituto de Política Social (IPSE) anunciaba que levará a publicación aos tribunais “por atentar contra os sentimentos relixiosos e por incitación ao odio”. A esta denuncia xuntábase pouco despois outra queixa da fundación Abogados Cristianos.
O IPSE pediu o “encerramento inmediato” da revista por vía xudicial. “É claro que se o que procuraban era irritar os católicos, o conseguiron”, afirmaba nun comunicado o seu presidente, Pablo Hertfelder
Nas últimas horas, as mensaxes cruzadas de ambas as partes ateaban ainda máis o lume. Desde a súa conta no Twitter, Mongolia reafírmase e deféndese, con boa carga de ironía, das críticas, ao mesmo tempo que o Instituto eleva o ton ameazante. “Estes delitos non poden ser consentidos”
O debate entre consciencia (encapsulada na relixión) e liberdade de expresión atinxiu o vértice en Francia despois do atentado jihadista en 2015 contra o semanario Charlie Hebdo poa publicación de caricaturas de Mahoma
Anos antes, en España, producíase un dos casos máis famosos do suposto delito de blasfemia cando foron xulgados Javier Krahe e a produtora Canal Plus. O seu delito, o visionado dun vídeo caseiro en que o cantautor daba unha receita para cociñar un crucifixo no forno parodiando a resurrección. A queixa foi presentada polo Centro Jurídico Tomás Moro. O vía crucis xudicial prolongouse de 2004 a 2012, cando Krahe foi finalmente absolvido de todos os cargos porque no vídeo, segundo o xuiz, había “un inequívoco sentido satírico provocador e crítico, mais non o de ofender”.
Ainda que a maioría das denuncias foron arquivadas, nos últimos dez anos presentáronse perante os tribunais numerosas querelas por supostas ofensas relixiosas por parte de colectivos ultra-católicos. O actor Willy Toledo foi levado a xulgamento en 2020 por “cagarse en Dios” e na virxe. Denunciado por Abogados Cristianos, foi finalmente absolvido.
Tamén ficou libre de cargps Rita Maestre por un suposto delito de ofensss ao participar xunto con outras activistas nun acto de protesto na capela da Universidade Complutense. No caso da concelleira, pedíase a aplicación do artigo 524 do CP. A dirixente foi xulgada, condenada e posteriormente absolvida pola Audiencia Provincial de Madrid, que entendeu que os seus actos non constituían “profanación” dun lugar de culto. O calvario durou de 2011 a 2016.T.
Moi polémico foi o caso da Procesión del Coño Insumiso en que tres mulleres sevilanas foron absolvidas. A razón desta causa aberta despois doutra denuncia interposta por Abogados Cristianos, o Senado pediu en febreiro de 2021 revisar o delito de ofensa aos sentimientos relixiosos nunha moción promovida pola Esquerda Confederal, unha iniciativa que foi respaldada por todos os grupos salvo o PP e Vox.
En tanto as activistas do Coño Insumiso foron absolvidas polos tribunais, unha muller acusada de participar na Gran Procesión del Santo Chumino Rebelde foi condenada. Máis unha vez Abogados Cristianos foi o dedo acusador. Mais desta volta, o caso chegou ao Tribunal Constitucional, que deberá pronunciarse por vez primeira sobre este asunto.
A ameaza de denuncia do Instituto de Política Social non levou Mongolia a se retractar. Mantén a súa capa nun chío fixado no seu perfil da rede social. “Vimos cun chicote de xustiza para facer que os nosos valores sexan respectados e vamos combater desde os tribunais con toda a firmeza que for preciso”, afirmou o presidente.
A anterior cruzada que librou este colectivo foi en semana santa, cando denunciou varias cadeas de comida rápida por unha campaña que, no seu parecer, tamén atentaba contra sentimentos relixiosos.