O movemento popular Hirak denuncia que o Ministerio de Interior procedeu á expulsión de dous mozos activistas rifeños. A Policía non quixo confirmar nin desmentir ao xornal El Salto que a deportación tivese sido levada a cabo.

 

CIE Aluche

O Ministerio de Interior levou a cabo na mañá do 20 de xuño a deportación dos dous mozos do Rif que estaban no Centro de Internamento de Estranxeiros de Aluche aos que se denegou a solicitude de asilo. Esta mañá, o movemento popular Hirak en Madrid denunciou que ambos abandonaron as instalacións do CIE en que levaban a cabo unha greve de fame que hoxe chegaría ao seu día 11. A organización denunciou a expulsión a Amnistía Internacional. O cortexo de Interior diríxese a Melilla, desde onde debe producirse a entrega ás autoridades marroquís.

A Policía Nacional non quixo confirmar a El Salto o inicio do proceso de deportación e remitiuse á disposición xudicial que instaba a súa saída, tendo en conta que a subdirección xeral de Política Internacional denegou a solicitude de protección dos dous cidadáns marroquinos.

A petición de asilo produciuse pola persecución á que os mozos din estar sometidos polas autoridades de Marrocos. Ambos declararon que participaban no Hirak, un movemento popular do territorio rifeño, no norte de Marrocos, que se desenvolve desde o 28 de outubro de 2016, o día que un camión de lixo acabou coa vida do vendedor ambulante Mouhcine Fikri.

Desde entón, sucedéronse os protestos nunha das zonas máis empobrecidas de Marrocos. O movemento Hirak denuncia que aos protestos pacíficos da poboación norteña seguiu unha ‘vinganza colectiva’ instigada polo sistema marroquino. Froito desa persecución, moitas persoas emprenderon a viaxe por mar ao Reino de España. É o caso dos dous deportados hoxe, que partiron xunto a outro nove nunha patera o 21 de maio.

Fonte: El Salto Diario