Máis de 250 deputados de parlamentos de diferentes países, entre os cales, 50 membros da Eurocámara, asinaron unha carta dirixida ao presidente español, Pedro Sánchez, e á vicepresidente terceira do goberno, Yolanda Díaz, en que reclaman a amnistía para os presos políticos e exiliados e para todos aquelas persoas que se viron implicadas en procesos xudiciais por causa da súa participación no referendo do 1-O.

 

daly Puigdemont

O escrito pide que esta amnistía sexa tramitada con todos os requisitos legais e as mudanzas necesarias, e sirva como punto de partida que permita “un proceso de diálogo e negociación para unha solución política do conflito, baseada en principios democráticos, mutuo respecto e pleno respecto aos dereitos democráticos do pobo catalán”.

A carta foi impulsionada pola plataforma EU-Catalonia Dialogue e presentada este mediodía pola eurodeputada irlandesa Clare Daly ante a Eurocámara, acompañada de parte das persoas que a asinan, así como dos membros do Govern no exilio Carles Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí.

Os asinantes, membros do Parlamento Europeo e de parlamentos de diferentes estados, consideran que “chegou o momento de dar pasos valentes cara á normalidade e a resolución do conflito por medios puramente democráticos”. “No entanto, ningunha normalización pode ser levada a cabo cos líderes independentistas na prisión e o exilio e sen acabar coa persecución contra numerosas persoas partidarias da independencia que aínda teñen de facer frente a cargos”, advirte en referencia aos numerosos procesos xudiciais abertos.

Xulgamento no Supremo
A misiva lembra que despois do referendo do 1-O o Tribunal Supremo xulgou e condenou parte do Govern e líderes das entidades independentistas; que nove deles están a cumprir entre nove e trece anos de prisión; que todas as condenas xuntas suman cen anos; que outra sete persoas exiliáronse en Bélxica, Suíza e Escocia; que centenares de cidadáns, alcaldes, concelleiros, funcionarios e activistas sofren persecución xudicial polo referendo; que a procuradoría presentou outra demanda contra o ex presidente do Parlament e os membros da Mesa por permitiren debates parlamentares e mocións sobre a autodeterminación.

O escrito lembra tamén que despois de seguir o xulgamento e revisar a sentenza, Amnistía Internacional concluíu que a interpretación do delito de sedición por parte do Supremo contravén o principio de legalidade e permite a imposición de restricións desproporcionadas; recolle a petición que formulou o Grupo de Traballo das Nacións Unidas sobre Detencións Arbitrarias en relación á posta en liberdade de líderes independentistas; e destaca que as eleccións celebradas na Catalunya o 14-F do 2021 mostraron a “notábel resistencia” do movemento independentista, que conseguiu un 52% dos votos.

Á parte dos 50 eurodeputados e eurodeputadas asinantes e das deputadas e deputados de diferentes cámaras de países membros da UE, apoian a petición representantes do partido laborista británico, do SNP escocés, do Bloque Québécois ou o partido kurdo, entre outros.

Marta Lasalas

El Nacional