A Lei Orgánica que regula os estados de alarma, excepción e sitio non ofrece unha cobertura xurídica que se corresponda exactamente co confinamento.

Derechos fundamentales y crisis sanitariaLEONARD BEARD

 

Nestes tempos de crises, o BOE móstranos periodicamente medidas restritivas dalgúns dereitos. Comezamos co estado de alarma, que se renovou, e despois coñecemos unha orde do ministro de Sanidade en que se mencionan algunhas posibilidades potencialmente inquietantes. A primeira refírese a unha aplicación que permite a xeolocalización do usuario do teléfono en que estea descarregada; a segunda, a obtención das compañías operadoras de datos agregados e anonimizados relativos á mobilidade dos titulares dos móbeis. Se o confinamento representa unha restrición da liberdade de deslocamento que a Constitución recoñece no artigo 19, a información que se refire á mobilidade e localización das persoas remiten ao artigo 18.4, que se interpreta como o dereito de a protección dos datos persoais frente ao uso que deles se pode facer grazas á tecnoloxía. Ben é verdade que a descarga dunha aplicación non é obrigatoria, de modo que non está previsto ceder de modo individualizado e nominal a información da nosa localización, mais que as operadoras de que dependemos cedan esa información, aínda sen identificarnos e cos datos en bruto, representa unha aproximación perigosa a datos persoais moi sensibeis. Como lembraba nun relatorio recente a Axencia Española de Protección de Datos, o regulamento xeral de protección de datos da UE, de aplicación no noso país, permite o tratamento de datos persoais para salvagardar a saúde pública.

Todo iso suscitou un certo debate entre xuristas. As opinións aparecidas son todas razoabeis, mais custa moito afirmar categoricamente que unha sexa mellor que as outras. A que aquí se expón é unha máis, que trata de fixar algunhas ideas básicas sobre a incidencia que as medidas tomadas até agora teñen sobre algúns dereitos fundamentais.

Agora estamos en estado de alarma, cuxo trazo máis relevante é o confinamento a que estamos sometidos. Polo seu rigor, chegou a dicirse que o que correspondería era declarar o estado de excepción. Poderíanse aducir que o confinamento representa tal nivel de limitación da liberdade de deslocamento que unicamente sería admisíbel no cadro do estado de excepción, tomando como referencia o que se di na lei orgánica que regula os estados de alarma, excepción e sitio. Cando trata do estado de alarma, a lei indica (art. 11.a) que será posíbel “limitar a circulación ou permanencia de persoas ou vehículos en horas e lugares determinados, ou condicionalas ao cumprimento de certos requisitos”. Ao referirse ao estado de excepción (art. 20.1) dise que “a autoridade gobernativa poderá prohibir a circulación de persoas e vehículos nas horas e lugares que se determinar, e esixir quen se desloque dun lugar a outro que acredite a súa identidade, sinalándolle o itinerario a seguir.” ‘Limitar’ ou ‘prohibir’ a circulación en horas e lugares precisos son dúas formas de restrinxir a liberdade de deslocamento, e ningunha delas equivale exactamente a ‘confinar’. ‘Confinar’ equivale a ‘recluír’. Quen está confinado ten prohibido calquera deslocamento, excepto o que se lle autoriza. Nin sequera no estado de sitio está prevista unha medida diferente das que acollen o estado de alarma ou de excepción en relación coa liberdade de deslocamento, de modo que, do meu punto de vista ningún dos estados aos que se refire a lei orgánica citada ofrece unha cobertura xurídica que se corresponda exactamente ao que se impuxo no actual estado de alarma.

Tampouco vexo que deba declararse o estado de excepción polo grao de perturbación creada pola crise do coronavirus. É verdade que a crise sanitaria pon en risco o funcionamento dun servizo público esencial, como o que presta o sistema de saúde, e iso preveo a lei mencionada (art. 13.1) como un dos supostos que permitirían ao Congreso dos Deputados autorizar a declaración do estado de excepción. Iso podería dar lugar, sen dúbida, a que fose declarado. Contodo, esa posibilidade non comporta unha obrigación. É máis, non debe ser declarado o estado de excepción se é posíbel restablecer o funcionamento normal dos servizos públicos por procedementos que resulten menos lesivos para os dereitos fundamentais.

A crise sanitaria tamén pillou desprevenido o dereito, e hai que admitilo. Cando pase, tamén haberá que axustar as súas disposicións para mellorar a súa capacidade de reacción. E as propostas serán máis úteis que os reproches.