O 28 de maio completouse un mes desde a eclosión social e popular en Colombia, que foi atravesada por múltiplas mobilizacións de diferentes sectores e grupos sociais, violacións aos dereitos humanos, tentativas de abrir escenarios de diálogo e negociación, e, sobretodo, pola resposta militar e autoritaria do goberno de Iván Duque.

 

Suman 24 muertos en manifestaciones en Colombia

 

O 28 de abril produciuse unha eclosión popular sen precedentes na historia recente de Colombia. Hoxe, 34 días despois de se iniciar este proceso, non foi ainda encontrado un camiño entre o Comité Nacional do Paro e o Goberno Nacional para chegar a un acordo que permita dar unha solución ao descontento social. A resposta pola que optou o goberno, entre outros subterfuxios, foi a militarización e unha ofensiva internacional alicerzada no discurso do respecto ao protesto pacífico e a infiltración de grupos criminais nacionais.

Contodo, quero pór o foco na preocupante situación dos dereitos humanos que atravesa o país, para isto, considero importante partillar uns puntos que permiten contextualizar este escenario:

1. Colombia historicamente foi configurada como unha sociedade desigual, con altos índices de violencia social e política, cun conflito armado de máis de 60 anos, múltiplos actores armados estatais, para-estatais, insurxentes e criminais.

2. O Estado colombiano adoptou desde metade do século XX, doutrinas contra-insurxentes, de seguranza nacional, anti-comunistas, coas que trataba a oposición sob lóxicas de criminalización, estigmatización e xudicialización.

3. As múltiplas violacións de dereitos humanos presentes no cadro do conflito armado, estiveron acompañadas dunha falta de vontade política por investigar, sancionar e xulgar os responsabeis, o que levou a un alto índice de impunidade.

4. O Goberno de Iván Duque (2018-2022) viuse atravesado por dous momentos de mobilización, 2019 e 2021, en que non houbo unha resposta de fondo ás esixencias e denuncias da cidadanía.

Partindo do anterior, o escenario de mobilización de 2021 contou con mobilizacións estendidas en diferentes cidades e municipios do país, con diferentes repertorios de expresión como, mobilizacións masivas, bloqueos para a entrada ou saída en puntos estratéxicos de cidades e concellos, concertos, performances artísticos, derrube de monumentos, asembleas populares e e de bairro, potas comunitarias, confrontos entre manifestantes e policía nacional, nomeadamente, entre outros, co Escuadrón Móbil Antidisturbios.

No cadro destas mobilizacións foron presentados múltiplos casos de violacións aos dereitos humanos. A dia 01 de xuño de 2021 son reportadas cifras de entre 46 e 67 casos de mortes en manifestacións; entre 111 e 350 casos de desaparición forzada (recollida pola Defensoría do Pobo e organizacións de dereitos humanos); 3405 casos de violencia policial; 1445 detencións arbitrarias; 22 vítimas de violencia sexual exercida por axentes da forza pública; 47 vítimas de agresión ocular… entre moitas outras que evidencian unha situación complexa dos dereitos humanos no país1. A isto hai que acrecentar os ataques realizados por civís coa aquiescencia da Policía Nacional, que mesmo ocasionaron a morte de manifestantes, principalmente na cidade de Cali. Son múltiplos os casos que desvelaron esta práctica en diferentes xornadas de mobilización.

Isto pon en evidencia que o Goberno Nacional optou pola resposta autoritaria e militar ao protesto social, por isto houbo centos de confrontos en todos os puntos de mobilización entre a Policía Nacional e os manifestantes. Unha situación que se agravou coa promulgación do Decreto 575 de 20212, que legaliza ordes relacionadas coa figura de ‘asistencia militar’ para 8 departamentos, 2 distritos e 11 municipios, debido á “grave alteración da seguranza e a convivencia”. Con este decreto o Goberno ordena ás Forzas Militares levantaren os bloqueos. Unha figura contemplada na Lei 1801 de 2016, Código Nacional de Seguranza e Convivencia Cidadá.

 

                                                                             Foto Infobae

 

No entanto, a cuestión principal é a seguinte: os Estados de Excepción en Colombia están consagrados na Constitución Política nos artigos 213 e 215, cada un deles conta cunhas formalidades, requisitos e controis legais. Mais a figura de ‘asistencia militar’ é unha figura de ‘estado de excepción’ que non conta con controis constitucionais. Alén diso, tal como foi deseñada no Decreto 575 de 2021, non privilexia o diálogo antes de recorrer á forza militar para desbloquear unha determinada situación..

Até hoxe a situación dos dereitos humanos, como pretendo mostrar, é extremamente complexa, como chegou a afirmar mesmo a Alta Comisionada para os Dereitos Humanos da ONU, Michelle Bachelet3. Diferentes sectores como a Igrexa católica e representantes de Nacións Unidas en Colombia, trataron de abrir escenarios humanitarios, de apoiar accións de diálogo e negociación con gobernos locais e co goberno nacional, mais este último non acepta -por agora- un escenario de negociación.

Por último, como se mencionou no artigo anterior, organizacións da sociedade civil esiximos ao Estado colombiano que permitise a visita da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos. O goberno, despois da presión nacional e internacional, finalmente aceptou. A visita da CIDH terá lugar no mes de xuño, a partir do día 7, e terá unha duración de catro días.

Sergio Ovalle

___________________________________________________________________________________________________________________________________________________________

  1. Estas cifras son tiradas nomeadamente do relatorio da organización de dereitos humanos Temblores: https://www.temblores.org/comunicados
  2. Por el cual se imparten instrucciones para la conservación y restablecimiento del orden público”. https://dapre.presidencia.gov.co/normativa/normativa/DECRETO%20575%20DEL%2028%20DE%20MAYO%20DE%202021.pdf

  3. https://www.dw.com/es/michelle-bachelet-pide-que-se-investiguen-las-muertes-en-cali/a-57719486