O Ministerio Público belga decide non recorrer a sentenza ditada na pasada terza-feira polo Tribunal de Apelación de Gante (Bélxica) que recusa a extradición do rapper mallorquino Josep Miquel Areas (Valtònyc). Isto significa que a euroorden contra el é definitivamente arquivada.

 

Derrota final d'Espanya en el cas Valtònyc: Bèlgica no recorre la sentència

 

Berto Sagrera

Pasaron catro anos, mais o Reino de España foi finalmente derrotado no caso Valtònyc. A Procuradoría belga anunciou que non recorrerá a sentenza ditada na pasada terza-feira polo Tribunal de Apelación de Gante (Bélxica) que recusa a extradición do rapper mallorquino Josep Miquel Areas (Valtònyc). Desta feita, a euroorde pola cal o Estado español o reclama fica definitivamente arquivada. “O procurador decidiu non recorrer”, comunicou o Ministerio Público. Así é como se acaba a batalla xudicial do cantor en Bélxica, despois de catro anos no exilio polas letras dunhas cancións.

A noticia saltaba pola mañá: o Tribunal de Apelación de Gante recusaba a extradición de Valtònyc, despois de ter reexaminado o seu caso. “Gañamos, Valtònyc”, chiaba o avogado Gonzalo Boye. A cuestión é que o Tribunal de Casación ordenou en xaneiro pasado a revisión da recusa inicial a entregar o rapper mallorquino ao Estado español polo delito de inxurias. Nesa altura, o tribunal só examinara a sentenza relativamente ao delito de inxurias en xeral. Quer dicir, se os insultos do cantor ao Rei nas súas cancións son delito en Bélxica, de acordo co código penal do país. A conclusión final foi clara: rexeitou a extradición do cantor.

A sentenza é firme

Despois da decisión que a xustiza belga tomou nesta terza-feira, a Procuradoría tiña un día para presentar recurso. Caso non o facer, a sentenza sería firme. E así foi. O Ministerio Público belga comunicou esa mesma tarde que non recorrerá a sentenza ditada polo Tribunal de Apelación de Gante: “O procurador decidiu non recorrer”. Así pois, a sentenza é firme e a euroorden de extradición contra Valtònyc fica arquivada definitivamente. Fique claro, contodo, que o rapper probabelmente aínda non poderá voltar a casa. Para voltar ao Estado español, é moi posíbel que teña que agardar que o delito prescriba. En calquera caso, a batalla xudicial en Bélxica acabou e pode viaxar libremente polo resto da Unión Europea.

A xustiza española condenou o cantor mallorquino a tres anos e medio de prisión por enaltecemento do terrorismo, inxurias á Coroa e ameazas ao Estado español en 2018. Catro anos máis tarde, chega a cuarta resolución a favor de Valtònyc. No tres ocasións anteriores (tribunais de Primeira Instancia, Apelación e Casación) o pedido de extradición do cantor das autoridades xudiciais españolas foi recusado, e foron rexeitados os tres delitos mencionados. Durante o proceso producíronse dous feitos relevantes: por unha banda, emitiuse unha consulta ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) porque o Estado español pretendía xulgalo cunha lei posterior aos feitos; por outra, Bélxica erradicou as inxurias á Coroa, unha lei do ano 1847, do seu código penal. Por súa vez, o Estado español recorreu todas as sentenzas do caso Valtònyc, provocando que na pasada segunda-feira o Tribunal de Apelación tivese que volver responder á petición de extradición. Esta vez, contodo, o Reino de España vive a súa derrota final.

El Nacional