A policía secreta ucraína tratou de o apresar en dúas ocasións, mais Lira conseguira escapar. Non se sabe nada del desde a pasada sexta-feira.
Hai uns días o escritor, director de cinema e xornalista chileno Gonzalo Lira avisou da súa posíbel desaparición na Ucraína e agora parece que os seus temores poderían ser confirmados. Gonzalo Lira viaxou de Kiev a Khárkov após o inicio do conflito para informar sobre a situación no país. O propio Lira denunciou que a SBU, a policía secreta ucraína, tentou secuestralo en dúas ocasións en diferentes lugares, mais até agora conseguira escapar.
Os seguidores do videoblogger crítico coa propaganda ucraína temen pola súa vida despois de que se perdese o contacto con el na cidade ucraína de Khárkov.
Gonzalo Lira @realGonzaloLira
Gonzalo Lira, que anteriormente publicaba vídeos n oYouTube co nome de «Coach Rede Pill», ía aparecer o domingo pola noite no programa «Mother of All Talk Shows» (MOATS) do locutor disidente británico George Galloway. Porén, Galloway revelou que non se sabía nada do seu convidado desde a sexta-feira, cando concertara a súa aparición no programa. «Con grande pesar e aínda con maior sensación de preocupación e ansiedade, teño que dicirlles que aínda non hai rastro do noso primeiro convidado, Gonzalo Lira», dixo Galloway no seu programa do domingo.
«Non puidemos contactar con el. Nas últimas horas, moitísimas persoas de todo o mundo mandáronme mensaxes dicindo que hai tempo que non saben nada de Gonzalo Lira, que hai tempo que non contesta a ningunha mensaxe persoal», continuou. «É un asunto de grande preocupación, próximo a unha emerxencia, que este home valente, cidadán chileno, poida estar en grave perigo en Khárkov».
Lira «tróuxonos, xusto desde a liña da frente, a verdade tal e como a viu alí, na rúa, e na zona de guerra de Khárkov», dixo Galloway, preguntándose: «Como podes saber que a información coa que actúas é correcta se non escoitas a outra parte da historia?».
Lira denunciara con anterioridade que o Servizo de Seguranza ucraíno (SBU) realizara polo menos dous intentos de «raptalo», como fixo con líderes da oposición, xornalistas e outras persoas críticas co goberno do presidente Volodímir Zelenski. Dixo que escapara da captura despois grazas aos seus veciños,que o avisaran de que a policía secreta o procuraba.
Para tranquilizar os seus amigos, Lira comprometeuse a publicar polo menos unha vez cada 12 horas nas súas contas de Twitter e Telegram como proba de que estaba vivo.
Lira naceu no Chile, mais estudou nos Estados Unidos, onde posteriormente traballou en Hollywood como guionista e director ocasional. Lira publicou críticas mordaces á dirección de Zelenski durante o conflito e á política exterior dos Estados Unidos cara á Ucraína, a Rusia, a China e outros países, xunto con deconstruccións de vídeos de propaganda pro-ucraniana e ataques de «falsa bandeira». A súa última publicación no YouTube foi unha entrevista co ex inspector de armas estadounidense Scott Ritter, un destacado crítico de Washington.
Un artigo recente contra Lira, publicado por The Daily Beast, trataba de describilo como un «delator pro-Putin na Ucraína». Nun vídeo en que se burlaba do artigo, Lira sinalaba que o autor do mesmo, Mark Hai, escribira que se puxera en contacto co réxime de Kiev para preguntar se crían que estaba escondéndose en Khárkov, e sinalaba que podería ser un intento de alertar as autoridades sobre o seu paradeiro e as súas actividades.