A Asociación Libre de Abogadas y Abogados fixo público un comunicado en que lembra que o xornalista Pablo González continúa en prisión preventiva na Polonia sen coñecer con precisión os motivos do seu encarceramento, sen poder comunicar coa familia, sen lle ser permitido comunicar co avogado elexido para a súa defensa, etc. Condicións de encarceramento que violan 14 artigos de Declaracións e Convenios Internacionais asinados por Polonia.

 

 

No pasado 28 de febreiro o Estado polaco detivo en Przemysl o xornalista hispanoruso Pablo González cando cubría como repórter a situación de guerra ruso-ucraína na fronteira entre Ucraína e Polonia para o programa da sexta Al rojo vivo.

Pablo leva encarcerado e isolado catro meses; non puido aínda comunicar directamente coa muller e as persoas do seu contorno, nin elixir avogado/a de confianza e só pode comunicar co avogado polaco asignado, que tropeza con obstáculos para acceder á documentación da causa.

Pablo tampouco coñece con exactitude o motivo da súa prisión nin os delitos que lle atribúe o Estado polaco, que o acusa de forma xenérica de “ser un espía ruso” e de recibir diñeiro procedente de Rusia, polo que o mantén isolado na prisión apesar de non contar con indicios razoabeis da comisión dalgún delito e apesar non haber risco de fuga polo seu arraigamento familiar. E é que a realidade se presenta de maneira diferente: Pablo é descendente de pai ruso, polo que os seus vínculos coa Rusia son exclusivamente familiares, e é totalmente discriminatoria a detención e prisión pola súa orixe nacional.

A actuación de Polonia vulnera de forma flagrante os artigos 9, 11 e 19 da Declaración Universal de Dereitos Humanos, que recoñecen o dereito de toda persoa a non ser arbitrariamente detida, presa nin desterrada, o dereito á presunción de inocencia e o dereito de investigar e recibir informacións e opinións, e o de as divulgar, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión.

Igualmente incumpre os artigos 6, 10 e 14 do Convenio para a protección dos dereitos humanos e liberdades fundamentais, ratificado por Polonia en 1993, que protexen o dereito de toda persoa acusada a ser informada no máis breve prazo, nunha lingua que comprenda e detalladamente, da natureza e causa da acusación, a dispor do tempo e das facilidades necesarias para a preparación da súa defensa e a ser asistido por un defensor da súa elección así como o dereito de informar sen inxerencias das autoridades públicas e a non sufrir discriminación no uso destes dereitos.

O Estado polaco tamén viola a Carta Europea dos Dereitos Fundamentais, nomeadamente os seus artigos 11, 21, 47 e 48 que regulan o dereito de liberdade de información, a non sufrir discriminación por orixe social, étnica ou nacional, o dereito á defensa e á presunción de inocencia.

Mais, alén de todo isto, vulnera o Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos emanado da ONU, apesar de o ter ratificado, e en concreto os seus artigos 9, 14, 19 e 26, que recoñecen o dereito de toda persoa a non ser sometida a detención e prisión arbitrarias, a ser informada no momento da súa detención das razóns que a motivan e da acusación que existe en contra de ela, a ser xulgada dentro dun prazo razoábel ou a ser posta en liberdade, así como establecen que a prisión preventiva ou provisoria non debe ser a regra xeral pois está subordinada a asegurar a comparecencia do acusado no acto do xulgamento e nas dilixencias procesuais. Igualmente recoñecen o dereito de toda persoa acusada a ser informada sen demora, nun idioma que comprenda e en forma detallada, da natureza e causas da acusación formulada contra ela, a dispor do tempo e dos medios adecuados para a preparación do seu defensa e a comunicarse cun defensor da súa elección, o dereito á liberdade de expresión, que comprende a liberdade de buscar, recibir e divulgar informacións e ideas de toda índole así como o dereito a non sufrir discriminación por orixe nacional.

As organizacións e asociacións asinantes denunciamos a pasividade do Estado español ante as flagrantes vulneracións de dereitos humanos de Polonia e esiximos a inmediata actuación do Goberno, que necesariamente ha de estar encamiñada a protexer os dereitos humanos de todo cidadán con nacionalidade española, especialmente en países da Unión Europea da cal o Estado español é parte.

Da mesma forma denunciamos a inacción da Unión Europea e instamos o Goberno e as institucións comunitarias a recorrer a todos os mecanismos xurídicos, políticos e diplomáticos para pór fin á violación de dereitos humanos do Estado polaco e asegurar a súa protección no marco da detención e encarceramento do xornalista Pablo González

ALA, Asociacion Libre de Abogadas y Abogados