Embora licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, Dionisio Pereira é máis coñecido polos seu traballo de historiador e o seu labor na recuperación da memoria histórica. Entre 2006 e 2013 participou no proxecto Nomes e Voces das universidades galegas.

No ano 2007 viuse envolto nun proceso xudicial a raíz dunha denuncia de familiares de Manuel Gutiérrez Torres, alcalde do Concello de Cerdedo desde 1950 e xefe local da Falanxe nos días despois do golpe militar que iniciou a guerra civil. Esixíase a Dionisio Pereira que se retractase dunha frase publicada no libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo (2006):

“Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)…”

Malia que utilizou a palabra “presunto”, e que tiña diversas fontes que corroboraban o dito, e malia que recibiu múltiples manifestacións de apoio, a familia do falanxista decidiu seguir adiante coa denuncia, que finalmente se viu desestimada polo Tribunal, sentando un importante precedente e deixando claro que o historiador contaba con fontes sólidas que apoiaban o seu estudio. Malia que a familia do alcalde presentou un recurso ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, este foi desestimado en abril de 2009.

Quén foi o investigado por vostede que desatou o pleito? Qué lle pedía a familia?

Manuel Gutiérrez Torres, falangista senlleiro de Cerdedo (Pontevedra), alcalde desta localidade entre os anos 40 e 50 do século pasado. Solicitaba que retirase dun libro da miña autoría unha frase na que constataba a súa participación (sen especificar feitos) nas represalias padecidas en Cerdedo e na súa contorna tras o golpe militar de 1936 e me retractase públicamente. Ao comezo, pedían unha cuantiosa indemnización económica; mais logo retiráronno.

A diferenza da Universidade de Alicante, vostede negouse a suprimir as referencias.

Si, e como dixo hai pouco Jordi Cuixart noTribunal Supremo, volveríao facer as veces que fagan falta. Porque o historiador non é dono da magoada memoria dos vencidos; só eles están lexitimados para xestionala. Eu só tento transmitila e interpretala á luz das fontes documentais; nunca a amputala.

-Cómo foi o proceso xudicial? Até que instancia chegou, cantos anos tardou?

Procesáronme no Xulgado de 1ª Instancia de A Estrada e, logo, na Audiencia Provincial de Pontevedra; os denunciantes decidiron non chegar ate o Constitucional, debido a que a Audiencia de Pontevedra condenóunos a pagar as costas do xuízo. En total, algo máis de dous anos. Un pequeno calvario, comparado con outra xente como a documentalista de TV3 Dolors Genovés que botou 10 anos de xulgado en xulgado. O mero feito de ser xulgado, xa é unha condena da que ninguén che repara, e, eles, os denunciantes, sábeno.

-Qué argumentaron os xuices para darlle a razón a vostede?

A Audiencia de Pontevedra considerou que prevalecía o dereito á investigación fronte o dereito á honra e subliñou que o escrito denunciado era un estudo científico, no que non existía pretensión algunha de atentar contra ninguén. Dende aquela, a sentenza ven sendo un referente na recuperación da memoria dos vencidos, no caso de presuntos delitos contra a honra.

-Qué pode supor para os historiadores unha decisión como a da Universidade de Alicante?

Tomando a cousa con sentido do humor, dáme a mín que, tal e como aconteceu co familiar dos meus denunciantes, o sr. Baena Tocón vai ter unha celebridade que, doutro xeito, non tería. Agora en serio: penso que é moi grave para a liberdade de investigar e o dereito a saber da cidadanía o feito de que unha institución académica censure un traballo científico. Tamén me preguntaría, pensando sempre nas vítimas, se alguén da Agencia de Protección de Datos e do Rectorado da Universidade de Alicante reparou nas recomendacións da ONU verbo do dereito daquelas á verdade, á xustiza e á reparación. Como dixen, a súa memoria, a das vítimas, non debe ser mutilada, e, se hai vítimas, hai tamén victimarios.

Tabeirós Montes