No pasado mes de xuño e nos primeiros dias deste mes de xullo, EsCULcA fixo innúmeras xestións encamiñadas a conseguir que o director do cárcere de Teixeiro, José Ángel Vázquez Yáñez, dese resposta á solicitude de entrevista que o observatorio lle fixo chegar por diferentes medios, entre eles o correo postal (por esixencia do propio director). Mais, apesar de tantos esforzos, a solicitude foi ignorada e hoxe, 5 de xullo, o penal informa ao observatorio que o Sr. Vázquez Yañez estará ausente unha temporada, por ferias.

 

Resultado de imaxes para c p teixeiro vazquez yañez

 

 

Como EsCULcA facía constar no seu escrito, non é esta a primeira vez que o observatorio solicita, con maior ou menor fortuna, manter entrevistas con responsábeis do cárcere de Teixeiro para lles transmitir a súa preocupación pola situación de determinadas persoas presas ou por cuestións referidas ás condicións de habitabilidade do centro.

Mais o novo director da cadea -antes director dos penais de Pereiro e A Lama- parece entender que a súa xestión en modo algún pode ser non digamos controlada senón nin sequer observada ou comentada por organismos da sociedade civil.

De feito, o único contacto que admitiu até agora o Sr. Vázquez Yáñez con EsCULcA -unha conversa telefónica para mostrar a preocupación polo castigo imposto a un preso recluído irregularmente en réxime de confinamento solitario- saldouse cun resultado negativo: a transferencia do afectado a outro centro prisional.

E todo isto non por o Sr. Vázquez Yáñez ser relutante á hora de aparecer nos medios de comunicación. Ben ao contrario, o actual director de Teixeiro nunca mostra reticencias cando se trata dar publicidade ás súas politicas carcerarias (medidas como o módulo de respecto mixto do penal da Lama, por exemplo) ou aos seus compromisos electorais (como candidato a alcalde polo PSOE en Curtis nas eleccións municipais de 2007, por exemplo).