A Audiencia Nacional adia polo temporal as declaracións de doce persoas como autoras dun suposto delito contra a Coroa por teren derrubado unha estatua de cartón pedra do rei, nun acto de protesto, no pasado 12 de outubro, en Iruña, contra o imperialismo, organizado por Sortu e catro entidades de migrantes.

 

12/10/2020 Momento en el que se derribó la estatua de Felipe VI               Momento en que foron deitadas abaixo as estatuas de Felipe VI e Colón

O temporal de neve suspendeu as declaracións previstas esta terza feira de doce activistas investigados por un suposto delito contra a Coroa polo acto celebrado en Iruña no pasado 12 de outubro, en que foron deitadas abaixo dúas estatuas de cartón pedra de Felipe VI e Cristóbal Colón. As declaracións, ordenadas pola Audiencia Nacional, foron adiadas até o próximo mes de febreiro e serán realizadas telemáticamente desde o Palacio de Xustiza de Nafarroa.

O 12 de outubro, día da Festa Nacional de España, antes denominado Día da Hispanidade, varias entidades de migrantes e a formación política vasca Sortu, que forma parte da coalición EH Bildu, organizaron actos alternativos en Iruña para denunciar o pasado colonialista español, así como “o carácter imperialista do reino español” e o réxime do 78, en alusión ao actual sistema político derivado da transición democrática. A modo de performance, os participantes colocaron dúas estatuas de cartón pedra de Felipe VIN e de Cristóbal Colon nuns pedestais, despois amarráronlles cordas ao pescozo e as deitaron abaixo, partindo as cabezas de ambas as figuras.

Xunto con Sortu, participaron no acto, na praza do Castelo de Iruña, membros de varias entidades de migrantes: as nicaraguana Mulleres do Millo, Africa United, a comunidade ecuatoriana Compartindo Raíces e a asociación cultural boliviana Munata. Os días previos en varias localidades vascas houbo actos de protesto contra o outrora chamado Día da Raza, co lema: “Non temos nada que celebrar”. Mais o prato forte da campaña foi o da capital navarra, cos bonecos de tres metros de altura que representaban Felipe VI e Colón.

O acto decorreu sen incidentes, amenizado con danzas étnicas e nun ambiente festivo. Mais tres semanas despois, 16 persoas que participaron naquel acto foron chamadas a declarar á comisaría da Policía Nacional en Iruña, na rúa General Chinchilla. “A nosa sorpresa foi tremenda -di a Público Lur Albizu, unha das activistas investigadas-. Non había mandamento xudicial. Foron a Garda Civil e a Policía Nacional de Nafarroa as que pola súa propia iniciativa decidiron abrir unha investigación polo acto anticolonialista e de crítica política”.

Albizu sinala que tanto ela como os seus compañeiros non quixeron declarar, xa que “non había mandamento xudicial de ningún tipo”. “Acusáronnos de facer apoloxía do enforcamento do rei, algo que é absolutamente incerto. Fixemos unha performance, un acto simbólico de protesto. Cremos que é unha persecución política”, incide a porta-voz dos investigados, vinculada a Sortu, quen considera que o “ruído mediático que fixo a dereita despois do acto contribuíu a que a Audiencia Nacional nos cite como investigados” dun suposto delito contra a Coroa, penado con entre seis e vinte e catro meses de prisión. Entre os doce investigados, hainos que participaron no derrubamento da estatua de Colón, mais son igualmente imputados polo suposto delito contra a Coroa ao teren participado no acto en si.

Estrasburgo avoga pola liberdade de expresión
Como precedente máis inmediato, a queima das fotos do rei emérito e da raíña Sofía en Barcelona, en 2007, como un acto de protesto pola visita do que na altura era xefe do Estado, foi considerada liberdade de expresión polo Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH)en 2018. O tribunal con sede en Estrasburgo condenou España por vulnerar ese dereito de dous mozos que foran condenados por delito de odio pola queima das fotografías. Seguindo os mesmos argumentos que empregou o TEDH, este caso do ‘enforcamento’ simbólico do actual rei, “non pode ser considerado delito, senón un acto encadrado na crítica política e na liberdade de expresión”, di Lur Albizu.

O asunto chegou ao Parlamento de Nafarroa no día seguinte do acto, a pedido da coalición conservadora Navarra Suma, integrada por Unión del Pueblo Navarro (UPN), Partido Popular e Ciudadanos. O parlamento navarro rexeitou os ataques á figura do rei e expresou o seu apoio á monarquía, cos votos a favor de Navarra Suma e o Partido Socialista de Navarra (PSN), a abstención de Geroa Bai, e os votos en contra de EH Bildu, Podemos-Ahal Dugu e Esquerda Unida de Navarra (IUN-NEB).

Naquela polémica sesión parlamentar, Navarra Suma reprochou ás entidades de migrantes teren participado no acto, incidindo en que “reciben subvencións públicas” e pediu explicacións ao conselleiro de Políticas Migratorias, Eduardo Santos, quen sostivo que “era un acto amparado na liberdade de expresión”.

Ao teren sido adiadas as declaracións dos doce activistas, ficaron suspendidas tamén as concentracións, tanto en Iruña como en Madrid, a favor da ducia de persoas investigadas polo suposto delito contra a Coroa. O sindicato ELA pediu nesta segunda feira o arquivamento do caso, ao que calificou de “persecución política”, e reivindicou o carácter republicano e antimonárquico de Nafarroa. O sindicato CC.OO sinalou que “esta imputación está fóra de lugar, xa que derrubar unha estatua do rei e outra de Colón pode ser de mellor ou peor gusto, mais encádrase dentro da liberdade de expresión e da crítica política”.

Pola súa banda, Sortu divulgou un manifesto a favor da liberdade de expresión, ao que xa se adheriron Esquerda Unida de Nafarroa e EH Bildu, así como os sindicatos LAB, CXT e ESK, entre outros.

ANA MARÍA PASCUAL @Anmariapascual

Público