SOS Racismo documentou 96 denuncias nas Oficinas de Información e Denuncia (OID) de Galiza –na Coruña e Vigo– no ano 2018, a maioría delas referidas a situacións de “racismo institucional”, segundo se recolle no relatorio que a organización presentou nesta cuarta-feira na cidade olívica.

Mussamba no Ágora con Zorahaida (SOS Racismo) e Diana Mata Mussamba no Ágora con Zorahaida (SOS Racismo) e Diana Mata | Fonte: Erik Dobaño

 

Segundo recolle o relatorio, 60 das denuncias foron interpostas por casos de “racismo institucional”, é dicir, situacións de discriminación en acceso a servizos públicos ou privados, en oficinas de estranxeiría e outras.

A seguir, por número de denuncias, veñen as referidas ao discurso do odio ou da extrema dereita (10 casos); discriminación en acceso a servizos privados (8); discriminación laboral (6); condutas xenófobas entre particulares (6) e abuso por parte de forzas de seguranza públicas (5).

Con respecto ao perfil das persoas que denunciaron estes casos, a maioría son homes, maiores de idade –só hai tres casos de menores–, procedentes de Sudamérica ou o África subsahariana, e en situación irregular.

RESOLUCIÓN DE CONFLITOS

O relatorio de SOS Racismo reflicte as “dificultades” que as persoas denunciantes teñen para achar reparación pola vía xudicial. En moitos casos, sinala a organización, débese ao temor pola súa situación persoal, ao “desgaste” emocional, ou á percepción de que non serán resarcidos polas dificultades de se ter en conta, nun xulgamento, o racismo como circunstancia agravante.

Segundo o estudo, 32 dos asuntos denunciados buscaron solución pola vía administrativa, en canto se produciron 25 mediacións extraxudiciais, e outros 9 foron tramitados pola vía civil.

Finalmente, SOS Racismo informa de que case un 10 por cento dos casos foron denunciados ante a Valedora do Pobo e unha desas denuncias conseguiu unha mudanza na normativa de acceso a un servizo público.