“Finalmente, os que fomos silenciados, tomamos a palabra”
O 1 de agosto de 1976, os medios comezaron a informar do estourido dun motín no cárcere de Carabanchel. Os actos de protesto no centro penal “parecen estar encamiñados a mostrar a súa desaprobación pola amnistía decidida na sexta feira polo Rei, fundamentalmente prevista para delitos de tipo político e de opinión”, informaba El País. Na azotea da prisión colocouse unha faixa en que se lía «Liberdade»”. Acababa de nacer a COPEL (Coordinadora de Presos en Loita), a organización dos presos sociais que se consideraban igual de vítimas do réxime franquista que os presos políticos de Franco. Reivindicaban a amnistía para todos. “Presos á rúa”, era o seu lema. Sen distincións.
Através de numerosas entrevistas aos seus protagonistas (presos, avogadas, traballadoras sociais, funcionarios de prisións e mesmo o redactor da Lei Xeral Penitenciaria), o documentario COPEL: Unha Historia de Rebeldía e Dignidade reconstrúe este fito e toda a loita desta coordinadora desde a súa xestación, até a súa desapiedada aniquilación a principios dos 80.
Uns meses antes de se proclamar a Lei de Amnistía para os presos políticos (outubro de 1977), os sociais “toman conciencia de que son vítimas dunha situación inxusta”, segundo o avogado Pepe Galán, e é cando, en palabras do preso Daniel Pont, se desenvolve “un movemento máis ou menos organizado para presionar o Estado”. Calquera método era válido para a COPEL: faixas, motíns, autolesións, agresións, incendios, etc.
Mais a amnistía non estaba entre os proxectos do goberno pos-franquista, como deixa claro Fraga nunha entrevista que aparece no filme. A represión foi escalando. Malleiras, torturas e mesmo o asasinato dalgún interno, como o anarquista Agustín Rueda, foron utilizados como métodos válidos para os amedrentaren, “para manteren un estado de medo permanente como forma de control e dominacion”, asegura Pont. Finalmente, a ferramenta máis útil para sufocar a loita foi a creación de macrocárceres inspirados na prisión alemá de Stammheim, como a de Herrera de la Mancha (inaugurada en xuño de 1979), con módulos separados e celas de isolamento. Divide e vencerás.