A Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) e a asociación en defensa da saúde das persoas privadas de liberdade, Osabideak, reclaman o fin das contencións mecánicas en prisión por seren incompatibeis coa dignidade humana. Fanno nun documento publicado hoxe que pon en causa o ‘Protocolo para a Aplicación de Suxeición Mecánica en Centros Prisionais por Motivos Reximentais’, desenvolvido na Instrución 3/2018 e en vigor na actualidade.

 

 

As dúas asociacións lembran que a contención mecánica “é unha medida de intervención física directa, coercitiva e extrema que vulnera directamente dereitos fundamentais como a liberdade de movemento, o acceso ao propio corpo, a dignidade, a intimidade e a prohibición de malos tratos e tortura”, e adverten que a aplicación desta medida conleva riscos importantes para a saúde tales como contusións, laceracións, úlceras por presión, lesións por isquemia, broncoaspiración, sobreestimulación cardíaca, tromboembolismo, morte súbita, asfixia mecánica, entre outros. Como exemplo, denuncian que “resulta asombroso que o protocolo contemple a contención de cintura, desaconsellada na suxeición médica sanitaria polo inasumíbel risco que implica”.

Entre as principais conclusións do documento, que será enviado ao Defensor do Pueblo Español e a Institucións Penitenciarias, salientan que a contención mecánica supón “a privación de liberdade dentro da privación de liberdade” e sustentan, como tamén fai o Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa (CPT) no seu último relatorio sobre España, que “é necesario acabar coas contencións mecánicas dentro de prisión, porque son incompatibeis coa dignidade e integridade humanas”. De feito, “a inmovilización pode constituír tortura e malos tratos”, tal como establece a Organización das Nacións Unidas (ONU).

Aliás, as asociacións consideran que a Instrución 3/2018 non ten amparo legal, xa que entra a regular contidos de dereitos fundamentais, vulnerando o principio de legalidade. “Nin a Lei Orgánica Xeral Penitenciaria, nin o Regulamento Penal fan alusión á aplicación de contención mecánica como medida reximental”.

Por iso, defendemos que “a suxeición mecánica debe ser unha medida a erradicar con programas preventivos, tratamentos prisionais e formación en medidas alternativas”. O uso desta medida, “é un claro indicador das carencias dos citados programas preventivos e dos tratamentos sanitarios e prisionais”, que sofren especialmente as persoas con problemas de saúde mental.

O documento evidencia a falta de independencia do persoal sanitario, a necesidade de mellora de formación do persoal e de sistemas de videovixilancia capaces de garantir un rexistro confidencial dos acontecementos e unha proba protexida ante denuncias por malos tratos e torturas que poidan producirse no interior das prisións.

DOCUMENTO

APDHA