A sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que hoxe determinou que Otegi e os seus compañeiros non tiveron un «xuízo xusto» supón unha «boutade» en Euskal Herria, onde até o máis obtuso sabía entón (2011) que estaban a ser castigados por un xiro estratéxico que abría un futuro moitísimo mellor para o seu país. Mais é unha noticia de impacto e un escándalo na esfera internacional, onde se evidencia que o líder independentista vasco máis coñecido no exterior, que dous máximos dirixentes actuais de forzas políticas deste país, que o ex secretario xeral dun dos seus principais sindicatos, que cinco artífices dun proceso de paz que non parou de avanzar desde entón… cumpriron seis anos de cárcere por unha condena inxusta, un castigo político en toda regra en plena Europa occidental. E é un baño de realidade para o Estado español, que con ese proceso revelou toda a súa cegueira política e ademais unha prepotencia tan descomunal como para encargar a presidencia do tribunal á mesma xuíza que acababa de desautorizar o propio Supremo polos seus preconceptos contra Otegi.

A sentenza debería ter efectos a múltiplos niveis, desde o máis obvio de levantar a inhabilitación a Arnaldo Otegi até o máis profundo de obrigar Madrid a actuar dunha vez por todas co «fair play» que se supón a calquera Estado de Dereito básico. Utilizar os tribunais e os cárceres contra as disidencias políticas e nacionais non é unha práctica que comezase en 2011 nin que acabase xa; ao virar a esquina está a vista oral contra os líderes do «procès», que ten tamén as mesmas cores de fraude electoral que aquel xuízo-farsa.

Ese «fair play» loxicamente non pode limitarse á Audiencia Nacional, á que deixa moi tocada este fallo europeo. Aínda que os límites do debate no Tribunal Europeo teñan que restrinxirse ao cumprimento ou non da literalidade do Convenio, non hai dúbida de que esta resolución non é unha mera cuestión de forma, senón de fondo. É hora de abandonar todos os discursos e políticas-farsa que impiden levar até o final un proceso de paz, solucionando as súas consecuencias e abordando as súas causas.

Naiz