Retiraban supostamente armas cuxo destino era a inutilización ou a destrución e introducíanas no mercado negro para a súa posterior distribución. Algunhas foron achadas en diferentes lugares do territorio español en disposición de disparar, xa que nunca foron inhabilitadas nin tan sequera convertidas en ferro vello. Así operaba supostamente a trama liderada por un ex alto mando da Garda Civil da Comandancia de Málaga.
Foi capitán da Garda Civil e, de setembro do 1998 a maio de 2005, xefe de Intervención de Armas e Explosivos (IAE) na capital malagueña, unidade onde se depositan todas as armas confiscadas polos Corpos de Seguranza da provincia –incluídos a Policía Local e a Policía Nacional– así como as achadas polos cidadáns. Entre as súas funcións: asinar e certificar a inutilización destas armas, que levaba á práctica unha armería. Tamén era o responsábel de asinar as actas de destrución, quer dicir, aquelas que eran fundidas e destruídas.
Aínda que, segundo revelou da investigación levada a cabo polo Servizo de Asuntos Internos (SAI) da Garda Civil, o ex xefe da IAE tería desviado armas dos lotes destinados a destrución para gravalas por segunda vez como se estivesen inhabilitadas cando, na realidade, estaban en perfecto estado de uso.
Mais, para levar a cabo esta actividade, este ex mando non actuaba só, senón que se valía supostamente de máis dunha decena de persoas. Entre eles, o xefe do Servizo de Armamentos e Equipamento policial da mesma comandancia desde o 6 de novembro de 1987 até o 27 de xuño de 2013. Aínda que a súa función era a da almacenamento, reparación e mantemento exclusivamente das armas dos axentes da Garda Civil, este sería moitas veces o que inutilizaría fisicamente as armas confiscadas debido á estreita ligazón que mantiña co exjefe da IAE.
Desta maneira, habería indicios de que o modus operandi que empregaban era o de certificaren -supostamente- como inutilizadas a totalidade das armas destinadas para ese efecto, apesar de unha parte delas continuaren intactas. Noutras ocasións, si levaban supostamente a cabo o proceso de inhabilitación, mais en teoría dunha forma tan rústica que cunha sinxela rehabilitación tornaban a estar en condicións de facer fogo, segundo os informes periciais elaborados pola Policía Científica e polo Laboratorio de Balística da Garda Civil.
A seguir, as armas eran supostamente postas ao dispor de terceiros, que se ocupaban de introducilas no mercado negro para as distribuir en diferentes puntos da xeografía –como mínimo nacional– mediante poxas. Entre os implicados na trama, había persoas ligadas a armerías, algunhas mesmo propietarias destes negocios.
As primeiras actuacións policiais que gardan relación con esta trama datan de 2013 cando, en plena operación Yedra, a Unidade Central Especial da Garda Civil –entre outros departamentos– confiscou unha pistola que figuraba como inutilizada desde 2005, segundo o certificado expedido pola IAE de Vélez-Málaga, apesar de estar en perfectas condicións para ser utilizada.
Ao que parece, esta arma pertencera anteriormente a outro home e, alén diso, estaba a nome dunha muller a quen constaban outras sete armas curtas inutilizadas. Tres delas certificadas polo cabo primeiro da Garda Civil destinado en Intervención de Armas e Explosivos de Vélez e outras dúas polo ex xefe a IAE da Comandancia de Málaga.
Segundo as pescudas, a titular sería allea a todo o asunto e as sospeitas centráronse no anterior propietario da pistola intervida, que podería rehabilitalas xa que era coñecida a súa actividade de coleccionista de armas e a súa amizade con membros de varias unidades Intervención de Armas e Explosivos da provincia. Así, este individuo foi detido e no seu domicilio foron intervidas 220 armas, de fogo e pezas fundamentais, das cales unicamente 116 tiñan números de serie que permitisen a súa trazabilidade.
Apenas un ano despois, o Xulgado de Instrución número 2 de Valladolid detectou varias ofertas de compra-venda de armas de fogo inutilizadas através de portais da internet, das que se sospeitaba que foran rehabilitadas. As indagacións permitiron identificar o autor dos anuncios e a persoa responsábel de que as pistolas voltasen a disparar.
O 26 de marzo de 2014, no marco da coñecida como operación Bulldog, foi detido un policía local de Málaga a quen lle foron encontradas 64 armas de diferentes calibres. Todas elas foran depositadas na IAE de Málaga. De 56 armas curtas, sete foron confiscadas, pois, apesar de estaren certificadas como inutilizadas polo entón xefe de Intervención de Armas e Explosivos, estaban en perfecto estado de funcionamento.
Neste punto, compre salientar que en febreiro do pasado ano, durante uns labores de conservación do depósito da IAE de Málaga, detectouse que en nove das pistolas que figuraban a nome do policía local detido e que, supostamente, foran inutilizadas mediante a obturación dun cañón por soldadura, se desprenderan os tapóns. Un feito que evidencia que o seu inutilización era reversíbel.
Seguindo a cronoloxía dos feitos, o 1 de febreiro de 2016, a IAE da Comandancia de Málaga notificou á muller do ex capitán, a cuxo nome figuraban 25 armas non aptas para o disparo –24 curtas e unha escopeta–, que debía presentalas no prazo de dez día a inspección física. Ao que parece, entre 2000 e 2005, a súa parella teríase apropiado delas facendo uso do seu poder en Intervención de Armas da Comandancia de Málaga.
A muller fixo caso omiso ao requirimento da IAE, sempre segundo o atestado instruído polo SAI da Garda Civil, e, un mes despois, co ex capitán xa no ollo do furacán, a súa filla -tamén pertencente ao Instituto Armado- presentou unha denuncia no posto da Garda Civil de Casabermeja en representación da parella sentimental do seu proxenitor alertando dun suposto roubo de 12 armas inutilizadas que gardaban na súa residencia eventual. Crese que esa foi a forma que ideou o ex xefe da IAE para eludir o problema que tiña coas doce armas que xa tería comercializado.
Un cidadán suicídase en Torremolinos cunha arma que constaba como destruída
Contodo, o 31 de agosto de 2017, un cidadán estoniano suicidouse en Torremolinos cunha arma que constaba na súa acta como destruída desde 2002, mais que no Sistema de Xestión de Armas e Explosivos (SGAE/SGAE) figuraba como “inutilizada” desde 2005 por un certificado emitido polo ex xefe da IAE e que, por outra parte, estaba a nome da parella deste. Foi posíbel comprobar, desta maneira, que a pistola nunca fora destruída e nin tan sequera presentaba signos de ter sido inutilizada.
Así mesmo, esta pistola aparecía en varias das listaxes que, posteriormente, foron intervidas no domicilio do ex xefe da IAE, o que demostraría que estaba controlada en todo momento por el, así como o resto da armas a que daría saída de maneira ilegal.
Catro persoas, entre elas o xefe até 2005 da unidade de Intervención de Armas e Explosivos de Málaga, foron detidas e sete máis investigadas. En total, oito foron procesadas polo Xulgado de Instrución número 14 de Málaga, que considerou que todos elas eran coñecidas entre si por pertenceren a esta trama relacionada co tráfico de armas e foron acusadas de delitos de pertenza a organización criminal, pose e depósito de armas e municións, falsidade documental e simulación de delito, segundo se lé no auto do 24 de xuño de 2022.
Desde a Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC) denuncian levar tempo sinalando estas supostas irregularidades cometidas na Comandancia da capital malagueña.