O xulgado de primeria instancia e instrucción núm. 1 de Martorell condena dous funcionarios do centro penitenciario Brians 1, ubicado en Sant Esteve de Sesrovires (Baix Llobregat), a un mes e vinte días de multa a razón de sete euros diarios como autores dun delito de maltrato de obra, previsto no Código Penal para sancionar aquelas agresións que non producen lesión. A maiores, os dous funcionarios de prisións terán de facer frente aos custos do proceso xudiciario e indemnizar a vítima cunha cantidade que será determinada durante a execución da sentenza polas secuelas psicolóxicas que lle provocaron.

O Centro para a defensa dos Dereitos Humanos Irídia fixo público o contido da sentenza, que foi ditada o 7 de agosto, meses despois da vista oral. Os feitos remóntanse á mañá do pasado 1º de novembro de 2016, cando segundo testemuño do denunciante, agora avalado polo xuiz, os dous funcionarios condenados foron buscalo ao patio, levárono a unha sala no interior do centro e, despois de fecharen as xaneles, despírono e bateron nel varias veces na cara durante case un cuarto de hora. Os funcionarios agrediron o interno con luvas e proferiron frases como: “que mis cojones son los que mandan”, e “Aquí mando yo y son mis cojones”, sen que el puidese adoptar ningunha medida de defensa, segundo recolle a propia sentenza.

O denunciante non foi ao médico o mesmo día dos feitos porque, segundo manifestou perante o xuiz, “tiña medo” e até un compañeiro lle aconsellou non ir porque te vas apuntar con antes de tempo. É que, segundo explicou ao xuiz. “se estás nunha cela e tocas o interfono o que pode pasar é que che den unha malleira por incomodar”. Este compañeiro de módulo do agredido declarou como testemuña da acusación particular e asegurou ter visto como o levaban. Minutos despois voltou encontrarse con el no patio coa meixela encarnada “a piques de chorar e moi cabreado”. O xuiz considera que a súa declaración foi “coherente, sen contradicións e esclarecedora” e considera que o feito de a denuncia se ter mantido mesmo despois de a persoa agredida ter recuperado a liberdade elimina “a posíbel existencia de motivos espúrios”.

Irídia non ten constancia de que a Dirección Xeral de Servizos Penitenciarios abrise ningunha investigación despois do procedemento xudicial e instaa a abrir un expediente administrativo sancionador contra os dous funcionaarios. Aliás, o Centro lembra que a sentenza condenatoria chega despois de o Director de Brians I, Joan Carles Navarro, acusar Iridia e o Observatori do Sistema Penal i de Drets Humans da UB, de instaren os presos a denunciar falsamente os funcionarios.

David Bou.

Artigo publicado en La Directa (18/09/2017)