Alexandre B. e Santiago M. foron condenados pola Audiencia Nacional a pagar unha multa económica por “inxurias á coroa” por prender lume a unha efixie de Juan Carlos de Borbón após unha manifestación independentista en Vigo.

 

Unha imaxe da queima da imaxe do rei.

 

A sentenza do Tribunal que di que a liberdade de expresión ampara queimar fotos do monarca español chega tarde para dous independentistas galegos, Alexandre B. e Santiago M. Ambos foron condenados en 2009 pola Audiencia Nacional a sendas multas de 2.700 e 1.800 euros por por prender lume a unha efixie de Juan Carlos de Borbón após unha manifestación independentista en Vigo.

O 6 de decembro de 2007, ao finalizar unha manifestación pola autodeterminación e contra a constitución española convocada pola daquela plataforma Causa Galiza, un grupo de persoas prendeu lume a un retrato do rei español. Semanas despois, en xaneiro de 2008, eran detidos catro veciños de Ponteareas, militantes de Nós-Unidade Popular, acusados de inxurias á coroa. Ficaron en liberdade baixo fianza até a súa declaración na Audiencia Nacional. Eran, a maiores de Alexandre e Santiago, Chistopher M. e Carlos P.

Nunha entrevista naquela alura concedida a un portal da organización na que militaban, un dos detidos afirmaba que a queima da imaxe do Borbón era unha “acción simbólica que pretende chamar a atención e denunciar a responsabilidade do Estado español na opresión de Galiza”.

Ducias de independentistas galegos solidarizáronse cos detidos viaxando até Madrid cando estes tiveron que ir declarar na Audiencia Nacional no marco da causa instruída por Grande Marlaska. Alexandre B., na súa declaración, eximiu os outros tres encausados e asumiu todas as responsabilidades daquela acción.

Sindicalista

A mediados do ano pasado, a Audiencia nacional imputaba un compostelán por un delito contra as institucións do Estado a raíz dun vídeo no que queimaba una foto do rei.

Renato Núñez, promotor da Plataforma polos Dereitos Civís e actualmente membro da executiva da CIG, afirmaba daquela en conversa con Sermos Galiza que “este vídeo foi realizado no contexto das detencións de independentistas cataláns que queimaran retratos do monarca español durante a Diada, aos que se sumaron deputados e deputadas en solidariedade co fin de protexer o exercicio dos dereitos fundamentais e, entre eles, o da liberdade de expresión”.

Fonte: Sermos Galiza