Como xa acontecera cos ex consellers Josep Rull e Jordi Turull, dous dos maxistrados do Tribunal Constitucional emitiron un voto particular en contra de avalar a sentenza do Tribunal Supremo sobre o 1-O no caso de Jordi Sànchez e Jordi Cuixart. Juan Antonio Xiol e María Luisa Balaguer -en contra da maioría, que aproba as condenas do 1-O- defenden que os recursos de amparo do presidente de Òmnium e do ex líder da ANC por vulneración do dereito á liberdade persoal e á liberdade ideolóxica e de reunión terían de ser estimados, porque consideran “desproporcionada” a pena de nove anos de prisión imposta por sedición.

 

Un año de la rebelión y el asalto al poder en Cataluña

 

Cren que a sentenza deu unha resposta “severa” ante o exercicio do dereito de reunión, aínda que fose “extralimitado”, xerando un “indesexado efecto desincentivador” do protesto. E aseguran que é “incompatíbel” coa relevancia do dereito de reunión e a súa posición institucional nunha “sociedade democrática plena e avanzada”. De feito, lanzan unha advertencia: “[As penas] Ameazan con empobrecer a nosa democracia, con aliñarnos con sociedades disciplinadas polo abuso do sistema penal na represión de condutas que se desenvolven no ámbito material dos dereitos fundamentais e con afastarnos da necesidade dunha interpretación e aplicación progresiva dos dereitos que posibilitan a normal participación da cidadanía nas democracias plenas”.

Segundo o seu parecer, sería posíbel emitir unha resolución máis “concordante” coa xurisprudencia do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. O TEDH establece, di o voto particular, que unha persoa non deixa de gozar do dereito de reunión pacífica como resultado da “violencia esporádica ou outros actos punibeis producidos ao longo dunha manifestación se o suxeito se mantén pacífico nas súas propias intencións”. Unha maneira de resaltar que os condenados a nove anos de prisión -Sànchez e Cuixart- non foron os promotores de ningún acto concreto de violencia que puidese se ter producido o 20 de setembro de 2017 ou o 1 de outubro. Tamén engade que, segundo Estrasburgo, o dereito de reunión protexe calquera protesto aínda que poida “incomodar” ou “ofender” persoas que se opoñen ás ideas que se queiran promover, por moi “chocantes ou inaceptabeis” que poidan parecer ás autoridades, incluídas mudanzas constitucionais “radicais” ou a independencia dun territorio. Tamén avala que poidan producirse protestos contra resolucións xudiciais se son pacíficas.

O protesto que encabezaron Sànchez e Cuixart entraría, segundo os dous maxistrados, dentro do dereito de reunión do que chegan a situar os límites: “Non fican protexidas no ámbito do dereito de reunión, aínda que sexa de maneira non violenta, as ideas contrarias aos principios materiais dunha sociedade democrática como poden ser posicións anti-semitas”.

Penas desproporcionadas

O voto particular avala que nalgúns casos o sistema penal interveña para responder ao exceso do dereito de reunión, sempre que sexa de maneira “proporcional”. Un principio que consideran que non se cumpre neste caso. Os dous maxistrados valoran que a sentenza do Supremo supón unha “inxerencia” no dereito de reunión, que tería que estar especialmente protexido -di- no caso de líderes sociais que participan no debate público. Tamén sinala que as mobilizacións foron pacíficas aínda que tivesen a “finalidade de obstruir a efectividade de resolucións xurisdiccionais”. Afirman que o obxectivo non era un “levante social” pola independencia de Catalunya, senón unha maneira de presionar o goberno español para que aceptase a negociación sobre unha consulta.

Núria Orriols

ARA