A persecución contra a comunidade cigana na Italia atinxe niveis de gravidade inusitada. Talvez non sexa esaxerado dicir que os nosos irmáns naquel fermoso país están a atravesar por un período de violencia e ignominia moi similar ao que sufriron os nosos antepasados nos anos 30 do século pasado en Alemaña.

 

 

 

O holocausto cigano, como tantas veces sinalamos, non foi a consecuencia dunha noite de bebedeira racista en que un demente, en 1940, ordenou exterminar todos os ciganos da Europa. Estas cousas cócense máis lentamente na cidadanía alimentada por falsas informacións sobre o perigo dalgunhas minorías. Xa nos anos 20 prohibiuse que os ciganos frecuentasen lugares comúns como parques, feiras ou baños públicos. E cando Hitler chegou ao poder, ao ano seguinte -en 1934- comezaron as campañas de esterilización para castrar os homes. E por se isto non fose suficiente para eliminar a supervivencia de todo un pobo, en 1935 foi promulgada a ‘Lei para a Protección do sangue e a honra’, tristemente coñecida como as Leis de Núremberg. Finalmente, cando o odio ou a cegueira impiden ver no ‘outro’ un ser humano depositario da mesma dignidade que debería igualar todos os seres humanos, poden cometerse as maiores atrocidades que for posíbel imaxinar.

Na Alemaña e Austria na noite do 9 ao 10 de novembro de 1938 aconteceu a Kristallnacht (noite dos cristais quebrados). Nesas horas, a ‘SturmAbteilung‘ (SA) que era unha organización de corte paramilitar ás ordes do Partido Nazi, dedicouse a queimar e destruír as propiedades dos xudeus e ao seu linchamento máis implacábel. E todo iso sob a ollada do Goberno alemán que contemplou esta destrución sen intervir.

Pois o mesmo pasou coa comunidade Rom daquela altura. No mesmo ano de 1938 foi establecida a ‘Semana da Limpeza Cigana’ que culminou no ano 1940 coa primeira mostra de terror que abriu a porta ao xenocidio: ‘250 crianzas romanís foron executadas no campo de Buchenwald para comprobar a eficacia dos cristais de zyklon-B, que serían utilizados máis tarde nas cámaras de gas de Auschwitz-Birkenau’. En 1945, derrotado o réxime nazi, as tres cuartas partes da poboación cigana residente na Alemaña fora asasinada.

E na Italia, que?

A maioría das comparacións son odiosas. Xa o dicía Don Quixote, e neste caso o é porque, infelizmente vemos demasiados paralelismos entre o que aconteceu na Alemaña nazi da Segunda Guerra Mundial e o que está a acontecer hoxe na Italia e en boa parte da Europa comunitaria. Vexan se non.

Debemos pór a ollada no último evento. 450 persoas foron despexadas á forza dun acampamento instalado no asentamento de Giugliano (Nápoles).Son 73 familias que agora viven na rúa. Desde Roma, unha entrañábel colaboradora da Unión Romani, Carlotta, escríbeme para contarme que estas familias non teñen alternativa onde vivir nin onde se refuxiar porque a policía lles confiscou mesmo os vehículos onde acharan un refuxio de emerxencia. O grao de alarma e persecución é tan dramático que até as autoridades dun pobo próximo a Giugliano difundiron un comunicado de alerta para os veciños estaren atentos porque un grupo moi numeroso de ciganos deambulan polo campo sen saber onde se asentar.

Mais o máis grave deste asunto é que se trata de familias romanís de orixe bosníaca, asentadas na Italia desde hai máis de 30 anos. A Asociación ’21 de xullo’ denunciou que estas familias dormen ao relento e que consecuentemente non teñen electricidade, nin auga potábel nin aseos. Hai moitas crianzas de cero a seis anos que necesitan leite e entre todos só puideron xuntar 50 cueiros para bebés. Constatouse que entre a poboación hai unha ducia de mulleres grávidas e un numeroso grupo de mulleres idasas. Todas, evidentemente, sen a máis mínima asistencia. Incluída Ginevra, a expulsada máis nova que é unha nena de apenas oito días.

Unha pregunta sen resposta
Cóntanme algunhas persoas experientes en despexos que ao longo dos seus moitos anos de vida na Italia foran expulsadas das súas pobres chabolas e conducidas a outros lugares. Ou ben se lles proporcionou a información imprescindíbel para saberen onde se dirixir. Mais non foi este o caso.

A policía presentouse en Giugliano e dixo ás familias romanís que estaban alí que ‘debían abandonar o territorio do municipio canto antes ou, caso contrario, virían cos bulldozers e con forza armada para as obrigar a marchar’. Ao que as indefensos habitantes do acampamento preguntaron:

– E onde imos, señor?

Os membros da brigada responderon.

– Vostedes decidirán, mais por suposto fosra do territorio do municipio.

No blog de Daniele Barbieri lin catro testemuños horribeis do crime que se comete con estas persoas. Antonio María Mira acudiu logo após coñecerse a noticia do despexo e déixanos este testemuño:

‘Cando chegamos, o primeiro que pedían era leite para as crianzas. Mais tamén queren explicar. «Somos cidadáns italianos, temos un pasaporte», din, mostrando os documentos. «Nacín e crecín aquí, e teño vinte anos».

Outro residente dicía: “Vin a Italia despois da guerra de Bosnia e levo aquí máis de 30 anos. Todos os mozos naceron aquí e son, portanto, italianos, mais italianos sen dereitos reais”.

Hai un diñeiro que está nas pavías
A Rexión de Campania outorgou ao alcalde Antonio Pozziello 915.418,29 euros para atender as necesidades máis urxentes da poboación de Giugliano. Que se saiba só se ten coñecemento de dúas partidas por valor de 200.000 euros. “Das restantes cantidades recibidas, 715.418,29 euros, non se especificou o destino de uso” Así o manifestou a ‘Associazione Nazione Rom‘ que o puxo en coñecemento da Presidencia do Consello de Ministros, do Presidente da República, da Prefectura de Nápoles e das autoridades rexionais e locais.

Estando suspendido o Parlamento Europeo a Unión Romani dirixiuse á Comisión Europea en Bruxelas co fin de que interveña de inmediato para remediar a indefensión que sofre unha parte da comunidade cigana na Italia.

Mais isto é o máis sanguento
Polo menos para min o é. Entre o conxunto das 450 persoas expulsadas do acampamento de Giugliano hai 105 crianzas que asistían con normalidade á escola onde recibían a educación obrigatoria establecida no país. Foron igualmente despexadas do centro escolar interrompendo así a súa educación elemental!

Isto sí que é un crime de lesa humanidade.

Juan de Deus Ramírez-Heredia

Diario16