Dúas persoas foron detidas na Coruña esta terza feira, día 19, en relación ao despexo do CSO A Insumisa o pasado 23 de maio; segundo informan en redes sociais desde o propio colectivo A Insumisa. “Pasará pola tarde a disposición xudicial”, informan, sen que por agora teñan transcendido máis datos. Anuncian convocatoria urxente de concentración de solidariedade e apoio ás 17:00 horas no Xulgado para mostrar o apoio a estas persoas e o rexeitamento polas represalias contra movementos sociais.
O despexo da Insumisa deixou una persoa detida nesa mesma xornada, así como varias feridas a raíz das cargas policiais. A Insumisa comezou a actuar a finais de 2016, cando un grupo de persoas ocuparon a antiga Comandancia de Obras, que fora utilizado polo exército español mais levaba tempo en desuso e abandono. Mediante a autoxestión e o asemblearismo, este espazo realizou toda una manchea de actividades, desde concertos até obradoiros e clases.