No pasado 11 de xuño de 2020 o presidente do Goberno publicou a décimo primeira Directiva de Defensa Nacional (é costume publicar unha por lexislatura salvo na última de Rajoy e a primeira efémera de Sánchez), o documento principal que define os obxectivos e as liñas básicas da política de defensa do Estado: que é o que hai que defender, quen son os inimigos, que papel xoga a defensa militar, que aspiracións de capacidades e gasto, etc.

 

Helicóptero

 

A aprobación deste documento tan esencial foi levada a cabo, como sempre, despois dunha elaboración opaca por parte de departamentos obscuros e nada transparentes do ministerio de Defensa e despois de levar a información ao Consello de Seguranza Nacional, órgao composto polos representantes dos ministerios con poder de decisión na política militar e na autorización da brutal despesa militar español, máis os xefes dos exércitos e presidida con carácter ordinario polo Presidente de Goberno e extraordinariamente polo Rei.

Certamente a elaboración non ha de ir precedida, ao contrario do que acontece en calquera outra política pública como pode ser a relacionada co modelo enerxético e a emerxencia climática, a de integración e inmigración, a sanitaria ou a de educación, de ningún tipo de debate público. Non foron chamadas tampouco organizacións sociais alleas ao ámbito estritamente militar para a súa elaboración, nin se contrastaron outros intereses alleos aos do complexo militar-industrial e do propio militarismo, nin se tivo en conta a opinión pública en aspectos referidos á nosa seguranza ou á percepción de riscos para a seguranza pública e o modo de abordalos.

Como esperado, e en perfecta continuidade coas DDN anteriores, desde a primeira con Felipe González até as últimas do rajoinato, a DDN define un escenario de riscos ubicuos, indefinidos, transnacionais e fantasmagóricos que, na inmensa maioría do seu palabreado, nada ten a ver co militar nin poden se abordados desde o militar (e iso cando o risco pode cualificarse como real e non como unha mera idea distópica tirada dun filme ruín de invasións de marcianos ou algo similar), apesar do cal define como esencial a defensa militar porque ten unha serie de capacidades específicas para dar resposta e impor o uso da forza (??) a case todo o imaxinábel.

E, loxicamente, na súa lista de desexos e prioridades establece a defensa militar de occidente mediante a nosa adhesión (diriamos mellor, submisión) á OTAN e a política militarista da UE, a nosa perspectiva militar en relación co intervencionismo militar (por certo, levamos investidos máis de 16.000 millóns de euros nos 90 conflitos en que intervimos desde tempos de Felipe González aos 16 en que andamos embarcados agora), a consolidación dun modelo de exército xigantista de carácter ‘disuasorio’  -cunha taxa de militares de 4,6 por cada 1.000 habitantes se sumamos exércitos e Garda Civil, un dos máis altos de Europa e cun cociente de 1,7 efectivos por cada mando militar, unha das máis desatinadas do mundo-, a promoción da industria militar (un oligopolio caracterizado pola ineficacia, o desperdicio, as portas giratorias, que xerou unha débeda inmoral e impagábel por armas que non necesitamos de máis de 40.000 millóns de euros, e visando a venda de armas ao exterior, en que somos a sexta potencia mundial), unha enorme despesa militar e o rearmamento permanente.

De tan esencial documento, e da consolidación que contempla dunha defensa que non nos defende de nada, que nos arruína e que, como se non bastase, prexudica tanto as necesidades sociais aquí como a seguranza humana a escala mundial, nada ou case nada dixeron os medios de comunicación, porque os temas de defensa (apesar de influírnos tan gravemente como se comprobou agora, coa primeira ameaza global que padecemos a escala estatal e planetaria, en que a prioridade de recursos militares en detrimento da necesidade de sanidade universal demostrou o canto indefensos nos deixa certa defensa) non interesan, ou non interesan senón como promoción do militarismo militante vixente.

É preocupante por súa vez o desinterese prosaico das nosas esquerdas variadas polo abrasador e expansivo militarismo sociolóxico e institucional que forma parte da nosa paisaxe de rémoras e curtocircuítos para calquera aspiración de mudanza real. Tampouco, que eu saiba, ninguén desde os sectores de esquerda (receo que tampouco se decataron, nin ganas que teñen, da publicación desta DDN) ergueu a man para protestar pola fixación destas prioridades da política de defensa de goberno de Sánchez e os seus colegas. Tradicionalmente as nosas esquerdas prefiren obviar esta política, deixala en mans de ‘especialistas militares’ e non facer senón críticas obvias e descontextualizadas en momentos puntuais, mais sen exporen referencias alternativas, como se fose posíbel atinxir unha transformación o máis maximalista imaxinábel nas nosas estruturas, mais cun minimalismo ridículo no que se refire ao militar.

 

Tradicionalmente as nosas esquerdas prefiren obviar esta política, deixala en mans de ‘especialistas militares’ e non facer senón críticas obvias e descontextualizadas en momentos puntuais, mais sen exporen referencias alternativas, como se fose posíbel atinxir unha transformación o máis maximalista imaxinábel nas nosas estruturas, mais cun minimalismo ridículo no que se refire ao militar.

Como quer que a DDN non se debate nin se aproba no Parlamento (só se informa unha vez aprobada e convertida en directrices políticas para que a comisión de Defensa, unha das máis inoperantes, acríticas e aplaudidoras do Congreso, tome coñecemento da mesma) tampouco é posíbel, ou até agora ningún dos partidos parlamentares o tentou, xerar un debate público e plural, onde, alén dos militares, estiveren representadas outras visións da sociedade, acerca de cousas tan básicas como o que hai que defender, quen ou que é o ‘inimigo’, o ‘risco’ ou a ‘ameaza’, quen ten que defender ou como hai que facelo.

É evidente que a esquerda, ou as esquerdas, non teñen opinión nos temas de defensa, nin contan cunha visión de longo prazo, porque, como no despotismo ilustrado, aceptan a minoría de idade en materia de defensa e delegan en especialistas militares para que digan o que ben lles apetecer. E se non teñen opinión, ou a que teñen é resultado dunha ortodoxia obsoleta e caduca, menos aínda contan cunha abordaxe alternativa, por exemplo, por exemplo, en ‘desmilitarizar’ a política de defensa alicerzada na segurana humana e na estratexia de tirar poder ao militar e dotarnos de alternativa de resposta desa seguranza humana.

Por iso non contamos (podemos observalo na vacuidade das ofertas electorais en materia de defensa, ou na deprimente simplicidade das emendas nesta materia aos proxectos de orzamentos que elabora o goberno, ou na falta de control parlamentar centrado en criticar os principais e crónicos males do noso militarismo, ou no colaboracionismo unhas veces entusiasta e outras resignado ás exhibicións militares ou á industria militar) con ningunha idea na axenda social (un horizonte diferente) de política de defensa diferente coa que debater cousas que veñen impondo desde o poder unilateralmente sen crítica nin debate.

OS PRINCIPAIS PROBLEMAS DO NOSO MILITARISMO ACTUAL

Con iso, e por duro que pareza,  a nosa despreocupada sociedade que non opina nesta materia contribúe a cronificar os principais problemas do noso militarismo actual: aqueles que o fan insustentábel do punto de vista económico e social e que o cronifican como un problema para calquera transformación á que aspiremos.

A saber:

a) Un xigantismo e unha sobredimensión do mesmo que o fai economicamente insustentábel, que duplica estruturas (os militares teñen farmacia propia, sanidade propia, política de vivenda propia, museos propios, centros deportivos e recreativos propios, escolas propias, xustiza propia e todo unha estrutura de institucións propias que o converten nun estado dentro do estado).

b) A falta de transparencia destas políticas para abafar calquera crítica e calquera alternativa.

c) Unha política militar intervencionista e sumisa aos centros de decisión xeopolíticos e militares dos donos da OTAN e da UE; en que somos a ‘cauda do león’ achegando militares ás operacións de inxerencia militar

d) Consecuentemente, a ausencia de soberanía en materia de seguranza e defensa e o encadeamento a uns ‘compromisos’ internacionais impresentábeis.

e) Unha abafadora opacidade nas políticas de defensa, en que xoga un papel esencial o oligopolio militar-industrial, o ‘porta-xiratonismo’ e o clientelismo sen control nin vergoña.

f) O diñeiro malgastado subsecuentemente e a consolidación dunha débeda ilexítima contraída por políticos ‘porta-xiratorios’ que recae sobre toda a cidadanía.

g) A consolidación dunha militar desmesurada, insustentábel e crecente que se encobre en verbas de case todos os ministerios e de moitos organismos públicos e que atinxe unha cifra anual de ao redor dos 30.000 millóns de euros.

h) A promoción da industria militar e da venda de armas (que por súa vez xeran conflitos, non só negocio) para soster os intereses do sector militar-industrial, das súas portas xiratorias e dos encargos de grandes programas de armas de ‘proxección’ (que aliás non necesitamos) dos nosos exércitos.

i) Un papel dos exércitos e da ideoloxía militar expansivo, ultraconservador expansivo, garante das esencias e con vocación intervencionista para manter o status quo.

j) Un modelo que non defende (nin sequer o tenta) as necesidades de seguranza humana da sociedade e que incorpora verdadeiros obstáculos á realización desta, cando non é axente principal de agresión (o exército é un dos principais axentes de contaminación, ten incorporado unha perspectiva de actuación expansiva ante calquera risco ou ameaza, non renunciou á idea de inimigo interno, detrae recursos necesarios para outras necesidades, xera perigo polas súas actuacións, acentúa o risco de sermos considerados como ‘inimigos’ por pobos onde a nosa intervención militar é patente, formamos parte do escudo de bases e míseis dos EUA frente a inimigos que non son os nosos inimigos…).

UNHA ALTERNATIVA DE DDN?

Avións militares
A lectura da DDN é estimulante, primeiro porque nos fai ver que a definición da política de Defensa elaborada por especialistas militares, e que teoricamente orienta a nosa política militar para esta lexislatura (e en rigor vén orientando invariabelmente desde os mesmos parámetros a política militar desde a transición aos nosos días sen que ninguén propoña algo diferente), é un verdadeiro desastre e non se sostén senón en peticións de principio absurdas.

E segundo, porque nos permite orientarnos para propor que frente a isto é posíbel pensar doutro xeito e debe esixirse debate social, para tirar os problemas da seguranza humana das mans dos militares (e se somos conscientes diriamos que os problemas de seguranza humana son demasiado serios para deixalos tanto en mans dos militares como dos políticos) e rescatalos para a sociedade. En materia de defensa debemos exercer tamén a nosa maioría de idade e decidir.

Sería posíbel, do meu punto de vista, contemplar o escenario mundial dunha óptica diferente, para definir os problemas que ameazan a seguranza humana desde parámetros non baseados na idea militar do risco e comprensivos da natureza non militar dos mesmos. Por suposto, con todo o que está a caer, coa acumulación de crises ambientais, culturais, tecnolóxicas, sociais e do propio patriarcado e capitalismo, temos material máis do que suficiente para levantar a man e propormos unha análise da realidade ben diferente da que definen os profetas da catástrofe na DDN.

Un bo referente pode ser, polo consenso que xeraron a escala mundial, os grandes Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que poderiamos definir como dimensións da seguranza humana e planetaria e que deben ser abordados dunha óptica da seguranza e de viabilidade do propio planeta.

A tradución lóxica desta maneira de analixar os problemas do mundo consiste en que a pregunta de que é o que hai que defender varía da que porpón a DDN.

Loxicamente, se focarmos o ‘que hai que defender’ de maneira alternativa, a mudanza de prioridades implica unha mudanza tanto de eixos como de obxectivos. Nós entendemos que promover unha Defensa diferente implica unha aposta nítida pola desmilitarización da mesma, o que implica apostar por dúas dinámicas paralelas que deben orientar a mudanza da herdada política de Defensa a unha política de seguranza humana: A primeira, tirar poder ao modelo de defensa militar e a segunda, empoderar prácticas de seguranza humana alternativas.

Promover unha Defensa diferente implica unha aposta nítida pola desmilitarización
Debemos elaborar, de forma colaborativa e con atención ás sensibilidades plurais da nosa sociedade, unha alternativa teórica de directiva de seguranza con aspiración de reducir e acabar co militarismo mediante un proceso de desmilitarización. O traballo está por facer, mais podería propor algunhas pautas a título de exemplo do que podemos estudar. Non son demasiado orixinal na proposta, debedora da que Utopía Contaxiosa veu desenvolvendo en diversos traballos publicados na súa web, así como no libro do ano 2012 Política violenta e loita social publicado pola editorial de Ecoloxistas en Acción, ou, máis recentemente, no texto que eu mesmo subin para a súa descarga libre Manual para entender o militarismo .

COMO SUPERAR ESTA POLÍTICA DE DEFENSA

Poderiamos pensar directrices alternativas ás que o sistema propón na actual DDN. A título de exemplo, poderiamos establecer as seguintes liñas xerais da política de defensa para unha DDN alternativa coa que contrastar a vixente:

1) Obxectivo xeral: establecer unha transición para asumir unha política de seguranza humana que supere a política de defensa militar asumindo unha reorientación, un redimensionamento e unha reestruturación do vixente modelo de defensa militar para chegarmos á completa desmilitarización e á substitución da política de defensa pola política de seguranza humana.

2) Política de defensa e plano:

a. Iniciar un ciclo de planificación da Defensa para conseguir a gradual desmilitarización da mesma de forma programada e sustentábel. Ese ciclo necesitará establecer: a1) Unha avaliación completa do actual modelo e do seu impacto. a2) Promover a absoluta transparencia en temas de defensa. a3) Establecer canais de participación social e de deliberación plural na definición da estratexia, prioridades e medidas. a4) Xerar debate social sobre seguranza humana e política de defensa, e a5) Empoderar a sociedade na autoorganización para a promoción da seguranza humana.

b. En tanto non se conseguir a plena desmilitarización da política de seguranza, articular políticas para promover a paz nos termos definidos nos obxectivos de desenvolvemento do milenio, e entre elas, o apoio crítico ás políticas de resolución pacífica de conflitos, o apoio ás redes de solidariedade con países en conflito, ás persoas refuxiadas e fuxidas de zonas en conflito, a desertores de guerras e conflito, á desmilitarización de zonas en conflito e á resolución non violenta de conflitos. Así mesmo, promoverase o desenvolvemento dunha cultura de paz aquí e nas zonas de conflito para loitar contra a promoción da guerra.

c. Encerrar as escolas e universidades de índole militar.

3) Política internacional

a. Será redefinida toda a política de cooperación e asuntos exteriores para a focarmos á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel. En liña con isto,  será cancelada toda a participación militar en operacións militares no Exterior e o investimento anual que se utiliza para nesas operacións será revertido para o destinar a apoio internacional á consecución dos Obxectivos do Milenio e a políticas de promoción da paz e da resolución alternativa de conflitos.

b.Será posto en andamento un proceso de desvinculación das organizacións militares e de construción de alianzas para a paz e o desenvolvemento xusto . Ao mesmo tempo será negociada a devolución das bases militares internacionais, xa sexan ao servizo dos EUA ou da OTAN.

 

Será posto en andamento un proceso de desvinculación das organizacións militares e de construción de alianzas para a paz e o desenvolvemento xusto

 

4) Política de redimensionamiento e reconversión da estrutura militar

a. Será realizada unha avaliación do conxunto de recursos materiais e humanos dispersos nos distintos ministerios e organismos co fin de iniciar un proceso de redimensionamento e redución da estrutura da Defensa, así como de transferencia a organismos civís competentes dos organismos militares de similares características, de transferencia dos seus recursos orzamentais e de reconversión do persoal adscrito aos mesmos.

b. Serán suprimidas de forma inmediata as unidades militares dirixidas á proxección e procederase, co diñeiro destinado a estas, á reconversión ou á xubilación antecipada do seu persoal.

c. Será promovida a gradual redución das forzas militares e a desmilitarización dos recursos úteis, en función da substitución do modelo militar de defensa por un modelo de seguranza humana non baseado en exércitos.

d. Procederase ao desinvestimento do Estado en empresas de armamentos, á reconversión destas a fins socialmente uteis e xustos e á supresión e desincentivación da fabricación e venda de armas.

e. Serán incentivados os servizos públicos para intervención especializada en crises globais de natureza non militar e en situacións de risco ou catástrofe.

 

.

Procederase ao desinvestimento do Estado en empresas de armamentos, á reconversión destas a fins socialmente uteis e xustos e á supresión e desincentivación da fabricación e venda de armas.

5) Política de investimentos e despesas

a. Procederase a unha gradual redución do gasto militar e á súa transferencia a necesidades sociais definidas polo conxunto da poboación. No período de catro anos serán reducido nun 1/3 o total da despesa militar actual.

b.  Será declarada ilexítima a débeda por programas de armas e esixiranse responsabilidades aos responsabeis de a ter contraído.

c. Serán conxelados todos os programas de armamento en vigor.

d. Serán transferidos investimentos programados para a estrutura militar a fins civís socialmente uteis.

6) Industria militar

a. Procederase a incentivar a conversión da industria militar mediante incentivos para o desenvolvemento de I+D+I socialmente útil e a desincentivación da investigación e desenvolvemento tecnolóxico destinado a fins militares.

b. Lexislarase en contra do oligopolio militar e en contra das portas xiratorias.

c. Serán conxedados, con vistas á súa gradual supresión, todos os encargos e programas de armas

d. Fomentarase a colaboración científica e universitaria para o estudo de programas e estratexias de conversión da industria militar.

7) Políticas de enmancipación social

a. Será incentivada a cultura de paz.

b. Apoiarase a participación dos sectores sociais relegados até a data e da sociedade na definición das grandes preguntas e liñas definitorias das necesidades humanas que deben ser cubertas nunha definición de políticas de seguranza humana (que hai que defender, que prioridades establecer, como hai que defender, quen debe facelo).

c. Será promovida a participación social, a autoorganización popular e a loita social como medios para promover a defensa social alternativa de base non violenta.

d. Serán promovidos métodos alternativos de resolución de conflitos

e. Será promovida a desmilitarización social e cultural.

8) Revisión

Efectuarase unha revisión gradual dos procesos de desmilitarización emprendidos para adecuar as directivas seguintes a fin de conseguir alcanzar o fin de superar o modelo militar de Defensa.

JUAN CARLOS ROIS

El Salto Diario