Como avogado palestino dediquei as últimas catro décadas a representar as vítimas de crimes de guerra e crimes contra a humanidade en todos os territorios palestinos ocupados.

 

FREE PALESTINE - STICKER

 

A procuradora da Corte Penal Internacional (CPI), Fatou Bensouda, tardou cinco anos en terminar a súa investigación preliminar acerca da situación na Palestina, en que concluíu que existe “unha base razoábel” para crer que foron cometidos, ou son cometidos, crimes de guerra na Cisxordania, incluíndo Xerusalén Leste e a Faixa de Gaza”. A súa declaración do 20 de decembro de 2019 foi acollida con grande entusiasmo polas vítimas e as organizacións de dereitos humanos, mais os suspiros de alivio logo desapareceron.

A procuradora resolveu que se cumpre o estándar de proba de comisión de crimes de guerra, e que abrir a investigación era apropiado no interese da xustiza. No entanto, en lugar de proceder a iso, solicitou á Sala de Cuestións Preliminares a confirmación do alcance da xurisdición territorial da Corte. Pediu á Sala tomar unha decisión en 120 días. Case un ano máis tarde, as vítimas continúan a agardar esa decisión que ainda está nun limbo.

Como avogado palestino dediquei o últimas catro décadas a representar ás vítimas de crimes de guerra e crimes contra a humanidade en todos os territorios palestinos ocupados. Agora que represento as vítimas de Gaza ante a CPI, o noso último recurso para asegurar que os crimes máis graves que preocupan á humanidade non fiquen impunes, síntome frustrado polo avance tan lento da Corte. É certo que os procedementos penais internacionais adoitan ser máis longos que a xustiza nacional, mais é difícil entender por que as investigacións dos crimes cometidos na Palestina non comezaron ainda, apesar das probas destapadas na investigación preliminar da Procuradora.

A decisión da Procuradora de pedir á Sala de Cuestións Preliminares confirmación da xurisdición na Palestina e as demoras que daí decorreron, poñen en perigo a efectividade da investigación, en lugar de a fortaleceren co fin de facer xustiza coas vítimas. Este tempo adicional xogou a favor dalgúns actores políticos que tentan restar importancia á gravidade dos resultados preliminares da Corte acerca dos crimes cometidos. En particular, o Ministerio de Asuntos Exteriores de Israel publicou inmediatamente un relatorio da situación que tentou desviar a atención da gravidade dos relatos das vitimas cara á eterna pregunta de se a Palestina é un estado ou non. Esta interferencia defende unha posición xurídica e moral absurda: non pode haber vítimas de crimes de guerra na Palestina se a Palestina non é un Estado.

Para informar á Sala sobre a “complexidade e novidade” do pedido da Procuradora, presentáronse 43 opinións legais consultivas amici curiae por parte de terceiros Estados, organizacións internacionais, académicos e da sociedade civil. A maioría das opinións non se limitaron á cuestión técnica de xurisdición territorial, conforme á petición, senón que entenderon que o momento era unha oportunidade para reclamar a condición de Estado para a Palestina, a lexitimidade do procedemento e a súa pertinencia política. A data límite do 16 de marzo de 2020 fixada pola Sala de Cuestións Preliminares para presentar as opinións foi aplicada estritamente: as que se presentaron cunhas cantas horas de atraso foron excluídas. Contodo, a celeridade da Corte no mes de marzo non foi seguida co pronunciamiento oportuno da súa sentenza.

A politización deste caso envolveu o procedemento da CPI desde o principio, repetindo o destino de tentativas anteriores que buscaban a reparación por violacións do dereito internacional na Palestina, através de mecanismos e foros xurídicos e legais. A Corte foi vítima dunha campaña de deslexitimación, que inclúe acusacións que van desde adoptar unha posición política até defender posicións anti-semitas. Reafirmando o seu firme apoio a Israel, os Estados Unidos adoptaron medidas radicais para rexeitar a autoridade da Corte sobre os seus cidadáns e o seu territorio, suspendendo vistos para o persoal da CPI e as súas familias, opóndose á investigación e “a calquera outra acción que tiver inxustamente Israel como albo”. O Secretario de Estado Mike Pompeo referiuse reiteradamente á CPI como a “chamada” corte embarazosa, política, renegada, ilícita, e un “vehículo para vendettas políticas”, “disfarzándose como un organismo legal”. Para protexer os nacionais dos Estados Unidos e Israel que cometeron crimes de guerra, o Presidente Trump mesmo ditou unha orde executiva para impor á Fiscal e aos investigadores da CPI sancións normalmente reservadas para narcotraficantes e terroristas. Os comentaristas dubidan da disposición e capacidade do novo Presidente-electo dos Estados Unidos, Joe Biden, de reverter este proceder e hostilidade cara á xustiza internacional.

Confrontada coa enxurrada de acusacións politicamente motivadas, a CPI non ten por que se rebaixar ao nivel dos seus detractores. O Estatuto de Roma, o seu tratado fundacional, esixe que a Corte defenda a xustiza, e “decidido a pór fin á impunidade dos autores” de crimes internacionais, como di o seu Preámbulo. Esta é a única abordaxe válida: a cuestión ante a Corte é estritamente legal. Como tal, ao concluír satisfactoriamente a súa investigación preliminar, a Procuradora podería ter abertp a investigación directamente; non existe ningún requisito legal que obrigue a presentar unha solicitude de esclarecemento acerca da xurisdición territorial da Corte. En consecuencia, a súa petición trouxo á Corte un debate político acalorado. Resolvelo dunha vez para sempre, na fase preliminar do procedemento, evitaría a incerteza e máis demoras insoportabeis para as vítimas.

Esta abordaxe estritamente xudicial non se afasta da realidade do terreo, senón que recoñece a situación crítica das vítimas da ocupación israelita, para quen esta Corte representa o único e último recurso. Abandonado pola comunidade internacional, incapaz de acceder a ningún tribunal israelita, estranxeiro ou internacional, e sometido a unha ocupación cruel, máis que nunca o destino do pobo palestino está en último termo ligado ao destino da CPI. Neste momento a Corte está nunha encrucillada: pode ceder e vir abaixo ante a presión política de Israel e dos Estados Unidos, ou elixir actuar de acordo co seu obxecto e a súa finalidade para garantir que os crimes internacionais levados a cabo en territorio palestino non fiquen impunes.

Raji Sourani foi preso de conciencia de Amnistía Internacional en 1985 e en 1988, membro da Comisión Internacional de Xuristas EXCO e IDAL EXCO, e Vice-presidente da Federación Internacional de Dereitos Humanos. En 1991 recibiu o Premio Robert F. Kennedy aos Dereitos Humanos. En 2013, Sourani foi un dos dous premiados co Premio Right Livelihood, coñecido como o Premio Nobel alternativo, por “a súa dedicación inabalábel á lei e os dereitos humanos sob circunstancias excepcionalmente difíceis. Sourani é un dos avogados palestinos que presentaron a denuncia contra Israel na Corte Penal Internacional

Raji Sourani
Avogado Principal e Representante das Vítimas ante a Corte Penal Internacional. Director do Centro Palestino de Dereitos Humanos en Gaza

eldiario.es