Un dos núcleos do traballo de EsCULcA é a vulneración de dereitos que sofren as persoas privadas de liberdade e os efectos negativos que o propio encarceramento ten sobre a saúde e vida destas persoas, de maneira moi especial no caso das que son encerradas en réxime de confinamento solitario. É possível xestionar dunha perspectiva diferente os delitos que se producen na sociedade? Existen estratexias viábeis de des-carceración permanente? É realista aspirar a unha sociedade sen cárcere?

 

Publiée par Esculca – Direitos e liberdades sur Mardi 2 octobre 2018

 

 

É ben coñecido que nestes momentos vivimos un proceso de bulimia penal que alguns pensadores atribúen á “frenética busca de consenso por parte da sociedade, unha sociedade que proxecta os seus medos sobre potenciais agresores e pede máis penas, máis cárcere. O resultado é a drástica redución de dereitos, até a exclusión social das persoas máis problemáticas e percibidas como perturbadoras e o seu resultado cultural é a afirmación dunha lóxica binaria do tipo ‘amigo/inimigo’ como analxésico para non ler os problemas complexos que requerirían focaxes multidisciplinares”.

EsCULcA, na medida das süas posibilidades, quer contribuir a abrir o debate sobre este proceso de bulimia penal na Galiza, examinar as posibilidades reais de xestionar cunha perspectiva diferente da de prisión e segregación social os delitos que se producen no seu seo e discutir posíbeis estratexias de des-carceración permanente.

Con ese propósito, organiza un debate cun dos máis conhecidos analistas do dereito penitenciario: Iñaki Rivera Beiras, autor de obras fundamentais sobre procesos de des-carceración (a última Descarcelación. Principios para una Politica Pública de reducción de la cárcel (desde un garantismo radical). Iñaki Rivera Beiras é profesor de Dereito Penal na Universidade de Barcelona e Director do Observatori del Sistema Penal e els Drets Humáns desta universidade.

O debate terá lugar o próximo 17 de outubro, a partir das 18;30 horas no Auditorio da Casa do Matadoiro de Compostela.