O Tribunal Constitucional español (TC) está nun momento delicado. Porque xa chegou a hora en que há de ir ditando sentenza sobre os recursos dos prisioneiros políticos contra o veredito do Tribunal Supremo no xuizo contra o procés. E agora mesmo, dos doce maxistrados que había inicialmente para deliberar sobre este recursos (o pleno inteiro dos maxistrados do tribunal), apenas restan nove. En outubro do ano pasado demitiu un, Fernando Valdés, cando foi procesado por un caso de violencia machista, e tanto Antonio Narváez, do sector chamado ‘conservador’ , como Cándido Conde-Pompido, do sector ‘progresista’, afastáronse da deliberación, forzados pola divulgación de declaracións súas contra o independentismo que revelan clara parcialidade. O quórum mínimo para resolver os recursos é de oito maxistrados, e iso causou inquietude no tribunal, porque podería haber máis impugnacións. E, en medio da guerra interna entre sectores confrontados, non parece que haxa ningún plano B para sair dunha posíbel situación de bloqueo.

Máis maxistrados sob sospeita no TC ao tempo que emerxe unha guerra interna dentro do tribunal

Entre os nove maxistrados que restan hai polo menos outros catro que teñen nódoas no expediente o bastante graves como para seren impugnados. Nódoas que son posicionamentos públicos sobre o independentismo ou sobre os acusados, ou vínculos estreitos coa parte acusadora do procés, que noutro momento non tería movido nada nin ninguén no tribunal. Mais estes recursos son delicados, porque no horizonte paira a sombra permanente do Tribunal de Estrasburgo. Se o Tribunal dos Dereitos Humanos fose dando a razón, un por un, aos presos políticos, a sentenza máis transcedente dos últimos cuarenta anos no estado español, a do Supremo, sairía moi prexudicada. Por iso no TC había obsesión por conseguir a unanimidade na resposta aos recursos do presos, nada de votos particulares que lles den munición para Estrasburgo.

Mais toda esta estratexia foi polo cano abaixo por viren confluír dous factores: as disputas entre maxistrados e as impugnacións que comezaron a presentar os avogados dos exilados e presos. E que poderían continuar presentando. Se for así, que farían agora os maxistrados do TC? Se queren ser coherentes coa saída de Antonio Narváez e de Conde-Pumpido por falta de imparcialidade, terían de caer máis maxistrados. Comezou un efecto en cadea que agora é difícil parar.E se no tribunal acabar habendo menos de oito maxistrados terían que parar. Xa non seria posíbel continuar a deliberación porque sería vulnerada a lei orgánica do Tribunal Constitucional.

Comeza un efecto dominó contra os maxistrados do TC polo Primeiro de Outubro

Hai incerteza sobre o que pasaría despois. As fontes xurídicas consultadas por VilaWeb non se poñen dacordo sobre as consecuencias. Podería acontecer que o tribunal ficase bloqueado, que non pudese ditar sentenzas sobre os recursos do 1-O. Mesmo podería acontecer que esta situación sen precedentes fose utilizada para adiar ainda máis a chegada da causa a Estrasburgo. O problema é que Cándido Conde-Pumpido, como coordenador dos recursos dos presos (agora afastado por falta de imparcialidade), decidiu que fose o pleno do tribunal, quer dicir, os doce maxistrados, o que tomase as decisións. Mais a lei fixa que o quorum do pleno é de dous terzos dos maxistrados, quer dicir, oito. E se non hai quorum non hai opcións, non poden ser designados novos maxistrados. Se Conde-Pumpido tivese decidido que a deliberación sería feita por unha das dúas salas do TC (seis maxistrados cada unha), en caso de impugnacións ainda habería maxistrados de reserva na outra sala. Mas non foi así.

Outras fontes consideran que o tribunal, chegados a esta situación, ainda podería achar fórmulas de interpretación da lei que lle permitisen desbloquear a situación, considerando, por exemplo, que o pleno diminuído por tantas impugnacions ou abstencións se convertese nunha sala de facto, quer dicir, que sería suficiente con menos maxistrados.  Ou simplesmente que, prevendo o bloqueo, os maxistrados se unisen para evitar que fose afastado da deliberación algún outro. Mais tanto esta opción como todas as outras posíbeis presentan un problema serio con vista a Estrasburgo: a proba de que o tribunal de garantías español é parcial na orixe en relación coas causas sobre os presos políticos, os exilados e o independentismo en xeral.

Mesmo se non houber máis impugnacións, se o pleno do TC mantiver a composición actual para decidir sobre o Primeiro de Outubro, a imaxe de imparcialidade xa foi prexudicada e é un lastro tendo en vista o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos.

Dispara o alarme en Madrid

O Tribunal Constitucional, nomeadamente o sector chamado ‘conservador’, utilizou a miúdo os seus medios máis próximos (ABC, El Español, Libertad Digital) para divulgar estados de opinión ou para axustar as contas co outro sector do tribunal. E é importante que nestas últimas semanas teñan aparecido no ABC diversos sinais de alarme para advertir que o independentismo conseguir debilitar “un muro de contención que parecía até hai pouco intrasponíbel”. Así acaba este artigo do xornal español: “Unha das consecuencias destas abstencións [de Narváez e de Conde-Pumpido] é que o TC fica agora con nove maxistrados, só un máis do quorum mínimo necesario para tratar os recursos do procés, cousa que non deixa de ser arriscada en caso de imprevisto ou efecto dominó dunha nova resolución. Porque aqui non hai recambios. O tempo dirá se este é o único xogo que gañan os independentistas”.

Por iso, o mesmo xornal pedía neste editorial que o PP e o PSOE pactuasen con urxencia a renovación do tribunal, que xa hai tempo que tiña que ter substituído catro dos maxistrados, presidente incluído. E no tribunal hai ese “desasosego”, en palabras do ABC, xusto cando se aproxima o momento da sentenza máis importante até agora sobre os recursos dos presos, a de Jordi Turull. Será a primeira vez que o TC se manifestará sobre as condenas de sedición e malversación. Unha sentenza que marcará o ton do tribunal para o resto dos recursos.

VilaWeb