A longa lista de persoas procesadas por inxurias á Coroa ampliábase onte coa detención de Óscar Reina, secretario xeral do Sindicato Andaluz de Traballadores, por un chio de 2017 en que chamaba ‘miserábel’ a Felipe de Borbón e lembraba que ‘o seu posto que ninguén votou vén herdado dunha institución que se mantivo por mor dun golpe de estado franquista e terrorista’. Cre que a súa detención obedece a un intento de coaccionar quen apoia ás temporeiras de Huelva.

 

Óscar Reina

 

Reina foi detido o 13 de xuño sobre o tres da tarde por varios axentes da Brigada de Información da Garda Civil á paisana cando se dirixía a Cádiz a apoiar os traballadores de Navantia en folga. ‘Din que estou imputado por supostos delitos de odio e inxurias contra a Coroa’, indicou Reina ao xornal El Salto, e explicou que se negou a declarar no cuartel e foi posto en liberdade tres horas despois. ‘Negueime a declarar porque hai xa tres anos que son insumiso xudicial, xa que creo que as leis inxustas hai que desobedecelas, e é unha inxustiza que me deteñan por dar a miña opinión sobre a monarquía española, que vén herdada do franquismo e dun golpe de estado que nos deron no 36, e creo que é un ente caduco que non ten lexitimidade porque non foi elixido’, explicou Reina a este medio. ‘Non declarei e non vou declarar cando me citen nos tribunais’, engadiu o sindicalista.

Con todo, Reina considera que, ademais, detrás da súa detención e acusación escóndese algo máis, pois se produce pouco despois das gravísimas denuncias de explotación laboral e abusos sexuais realizadas por traballadoras temporeiras de Huelva, apoiadas polo SAT, e a uns días da manifestación que vai celebrar o vindeiro domingo por este motivo na capital da provincia. ‘Trátase dunha forma de coacción, de intimidación e de difundir o medo entre quen denuncia, mais se esperaban iso, que sospeito que si, estaban enganados, e se queren intimidarnos o que van conseguir é que saltemos con máis forza’.

 

Hai que ter pouca vergoña Felipe de Borbón é vosté un miserábel. O seu posto que ninguén votou vén herdado dunha institución que se mantivo por mor dun golpe de estado franquista e terrorista. Eu daríalle o Premio á Indecencia e á Hipocrisía, cunha viaxe ao exilio”

 

Despois da conferencia de prensa celebrada o día 14 pola mañá para denunciar o seu caso, en conversa con El Salto Diario Reina declarouse ‘moi agradecido’ polas mostras de solidariedade que lle chegaron de todos os puntos do territorio, porque ‘isto dáche forza e acompáñate para non te renderes nunca; un nace con rebeldía, mais se te acompañan e protexen cando queren mallar en ti, iso dache forzas” .

O caso do secretario xeral do SAT ven adicionarse ao doutros moitos acusados ou condenados por ‘inxurias á Coroa’ ou ‘enaltecemento do terrorismo’, como Aitor Cuervo, Pablo Hasel, Valtonyc… e un longo etcétera de marionetistas, tuiteiros, presos políticos cataláns, vascos, etc., os de Altsasu, o Govern de Catalunya… Hai que pedir a liberdade dos presos políticos, todos aqueles presos por pensar.

Para este sindicalista, ‘agora é o momento, ademais, de derrubar a Lei Mordaza, que o Goberno actual se deixe de contos e que se son de esquerdas de verdade se poñan ao lado do pobo e deixen de facer as grazas ao Ibex 35’.

Fonte: El Salto Diario