Máis de 200 corpos de Policía Municipal, a Ertzaintza e os Mossos contan con este tipo de armamento. A Policía Nacional, que xa adquiriu as súas primeiras 1.000 unidades, instruirá 67 “formadores” que transmitirán os seus coñecementos aos membros dos cadros de persoal. Organismos de dereitos humanos advertiron en reiteradas ocasións sobre o seu perigo.

 

Pistolas Taser                                    Imaxe de arquivo dunha pistola Taser. EFE

 

As policías locais de Sestao, en Bizkaia, teñen un novo instrumento para as súas intervencións. En plena pandemia, o concello anunciou que comprara dúas pistolas eléctricas para os seus axentes, valoradas en 3.500 euros cada unha. O corpo municipal desta localidade biscaíña converteuse así no primeiro de Euskadi en recibir unha arma desas características. Noutros puntos do Estado houbo experiencias preocupantes: en polo menos tres casos, as actuacións policiais con ese tipo de armamento acabaron en mortes.

O caso máis recente tivo lugar no municipio de Adeje, situado no suroeste de Tenerife. No pasado 25 de marzo, a Policía Local utilizou a súa arma eléctrica contra un home de 41 anos que, segundo a versión divulgada polos axentes, se mostraba “moi violento”. “Tiveron que intervir até cinco axentes para o reducir e colocarlle grilletes. Era como se a táser non fixese efecto”, sinalaron fontes municipais.

O home foi levado a un hospital, onde morreu 24 horas despois. A Policía Nacional tomou declaracións aos axentes locais que participaran na súa detención, mais desde ese momento non houbo novidades: “Ninguén nos chamou, nin desde a Policía nin desde o Xulgado”, comentaron fontes do consistorio.

No Reino de España hai máis de 200 corpos de Policías Locais equipados con pistolas taser. Tamén dispoñen dese armamento a Ertzaintza e os Mossos, en canto a Policía Nacional agarda a chegada graduada das primeiras 1.000 unidades adquiridas por Interior. Fontes policiais sinalaron a Público que serán impartidos cursos de formación a 67 axentes que, posteriormente, serán os encarregados de ensinar os seus compañeiros como empregar esa arma.

“Cada corpo ten os seus propios protocolos, polo que no caso das Policías Locais son diferentes. Aliás, estes protocolos non adoitan ser moi publicitados”, afirma Jorge del Cura, integrante do Centro de Documentación Contra a Tortura. Nesa liña, advirte que eses manuais internos “nunca poden converterse nun cheque en branco para a actuación policial”. “Os protocolos, sexan cales sexan, non poden servir de escusa nas actuacións policiais”, afirma.

Na localidade valenciana de Llíria están pendentes das noticias  doutro xulgado sobre un caso destas mesmas características. No verán de 2019, os policías locais dispararon contra un veciño que, segundo informou entón a prensa local, se viu involucrado nunha briga con outra persoa. “Inicialmente o caso foi arquivado. Posteriormente, un familiar presentou unha querela. Agora o xulgado debate se acepta as declaracións que se presentaron ou volve arquivalo”, explicaron fontes municipais.

Algo parecido acontece en Peñíscola. En febreiro de 2018, policías locais que perseguían un mozo -asinalado como suposto autor de roubos na zona turística- utilizaron a pistola táser para inmobilizalo. O mozo morreu despois de caer desde unha muralla. O avogado da familia da vítima denunciou que recibira o disparo por detrás e que caera logo após ser inmobilizado. Entretanto a Policía Local defendeu a súa actuación e atribuíu a morte á fuxida do xoven.

O caso foi inicialmente arquivado no xulgado. Hai agora un ano, a defensa da familia conseguiu a súa reabertura. Segundo aseguraron fontes do concello de Peñíscola, o maxistrado actuante rexeitou as probas presentadas, polo que estiman que volverá ser arquivado. “O mozo matouse tratando de escapar, saltando, non polo impacto do taser”, sinalou o Executivo municipal.

50.000 voltios
Amnistía Internacional (AI) denunciou en reiteradas ocasións o perigo que entraña este tipo de armamento. “Trátase de armas con forma de pistola que, ao activalas, disparan dous dardos que aplican unha descarga eléctrica ao facer impacto no corpo da persoa, que a incapacita temporariamente. A descarga é un impulso eléctrico duns 50.000 voltios e unha duración limitada (normalmente duns 5 segundos) que confunde o sistema nervioso e produce unha parálise muscular, provocando unha incapacitación temporal da persoa”, explicaba nun artigo publicado en febreiro pasado o responsábel da Equipa de Forzas de Seguranza de AI, José María García.

En tal sentido, salientaba que “a descarga pode ser continua e prolongada se se mantén o gatillo apertado (até minutos) ou reiteradas tantas veces como se aperte e solte o gatillo, ou pode ser interrompida. Tamén pode ser utilizada como arma de contacto directo, pois fai saltar unha faísca entre os eléctrodos que en contacto co corpo da persoa produce unha dorosa descarga eléctrica localizada”. Este último modo “produce unha descarga moi dorosa mais non necesariamente a parálise do individuo”.

Por tales motivos, García volveu solicitar “a prohibición do uso das armas de electrochoque en modo de contacto directo, pois entraña considerábel risco de tortura ou outros tratos ou penas crueis, inhumanas ou degradantes, así como o uso de descargas reiteradas ou prolongadas”.

DANILO ALBIN

Polo