A institución do Defensor del Pueblo ten atribuída a condición de Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura para ‘minimizar’ o risco de malos tratos nos centros de privación de liberdade.
Ángel Gabilondo, Defensor del Pueblo,presentou na semana pasada no Congreso dos Deputados o documentos correspondente ao ano 2021, pois a súa institución é responsábel de elaborar este relatorio de carácer anual. Neste sentido, Gabilondo explicou que o obxectivo do MNP é “minimizar ao máximo o risco de que se produzan tortura e malos tratos nos centros de privación de liberdde”, como por exemplo os cárceres.
O Código Penal contempla como delito de tortura o sometemento, por parte da autoridade ou funcionarios públicos, á vítima a procedementos que lle provoquen “sofrimentos físicos ou mentais” para obter información, na hora de castigar o suxeito ou por implicar carácter discriminatorio.
Desta feita, a institución do Defensor del Pueblo informou que desde 2010 foron impostas 52 condenas a funcionarios por teren cometido esta infracción. Por outra parte, tamén foron rexistradas 524 condenas por un delito contra a integridade moral, sendo o ano 2021 aquel en que se produciron máis, un total de 78.
Tamén foron notificadas dúas condenas a funcionarios públicos polo delito de non teren impedido tortura ou atentado á integridde moral. Tanto no ano 2018 como en 2019, houbo unha sentenza por este tipo de delito, conforme a información proporcionada polo Defensor del Pueblo.
O relatorio anual de 2021 do Mecanismo Nacional de Prevención recolle 42 denuncias que evidencian “unha extralimitación ou unha vulneración” dos dereitos das persoas por parte das autoridades. Delas, 17 corresponden a agresión con lesións e 5 a tortura ou outros delitos contra a integridade moral.
Por outro lado, como se conclúe dos datos do Defensor del Pueblo, o ano en que foron notificadas máis queixas por estes comportamentos foi 2018, cun total de 94.
O comportamento de agresión con lesións foi o máis denunciado desde o ano 2017, cun volume total de 137 queixas. Tamén destacan as 14 acusacións de tortura ou outros delitos contra a integridade moral atribuídos a funcionarios públicos, alén das cinco denuncias por homicidioi e “as súas formas”.
As competencias do Defensor del Pueblo como MNP
A lei do Defensor del Pueblo atribúe a este órgao a condición de Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura (MNP) do Reino de España desde 2009.Isto se produce despois de o Estado español ter subscrito o Protocolo Facultativo da Convención das Nacións Unidas contra a Tortura de 2002.
O Mecanismo ten como como finalidade velar polo cumprimento dos artigos 15 e 17 da Constitución española. Estes preceitos establecen que as persoas non poden ser sometidas “a tortura nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes”. Portanto, o MNP leva a cabo visitas preventivas a centros de privación de liberdade dependentes das Administracións públicas.
Así, o obxectivo destas inspeccións é “verificar que os poderes públicos españois e o persoal ao seu servizo actúan en conformidade cos criterios esixidos pola nosa normativa e internacionalmente aceptados para este tipo de establecementos”. Durante o ano pasado, foron visitados 72 lugares de privación de liberdade en 14 comunidades auttónomas e en 24 provincias”.