Un incendio o 15 de xaneiro de 1978 acabou coa sala de festas Scala de Barcelona e coa vida de catro dos seus traballadores.Como se produciu? Incitados por un confidente da Policía, Joaquín Gambín, un grupo de militantes libertarios atiraron cócteles molotov contra a fachada da sala Scala ao final dunha manifestación contra os Pactos da Moncloa. As enormes dimensións e a voracidade do incendio dificilmente podían ser atribuídas aos cócteles lanzados. Había algo máis dentro que reduciu todo a cinzas.

O autor, Xavier Cañadas

 

O interese de Estado e a vontade de pór fin á influencia do anarquismo no movemento obreiro, en pleno consenso pós-franquista, explican as irregularidades na investigación. Naquela época da Transición o movemento libertario en xeral, e a CNT en particular, gozaban de extraordinaria fortaleza. Non en van Rodolfo Martín Vila, ministro de Gobernación (Interior) en 1978, afirmou días antes do incendio da Sala Scala: «Non me preocupa ETA, quen de verdade me preocupan son os anarquistas e o movemento libertario».

O xulgamento que se celebrou por estes feitos levaría catro militantes cenetistas, incluíndo Xavi Cañadas, o autor do libro, ao cárcere durante 8 anos (dunha condena de 17). Xerou divisións dentro do movemento libertario, así como rexeitamento e medo e provocou o distanciamento de moitos traballadores do sindicato anarquista. En esencia, marcou o principio do fin da perda da influencia da CNT sobre o movemento obreiro ibérico.

Este libro de Cañadas describe o tortuoso proceso xudicial nos convulsos anos da Transición, na caza que se iniciou contra os anarquistas e nos indicios que apuntan aos servizos secretos.

Posteriormente, Cañadas publicaría outro libro de memorias, intitulado Entremuros, en que describe a súa experiencia en prisión: malleiras e torturas, mais tamén solidariedade, tentativas de fuga e grandes amizades.

Xavi Cañadas

Máis información no artigo «El Caso Scala: el proceso judicial que ocasionó la persecución del movimiento libertario en España«, de Guillermo Martínez e «La guinda de la guerra sucia pos-franquista contra el anarquismo«, de Jonathan Martínez.

 

 

Todo por hacer