A peza denunciada pola policia española. Foto: El Jueves

 

O xulgado de Instrución 20 de Barcelona sentará no banco dos acusados o director da revista satírica El Jueves, Guille Martínez-Vela, e o subdirector e tamén director da web, Joan Ferrús, por teren publicado dous artigos similares na edición de papel e na dixital da revista sobre o suposto consumo de cocaína dos polícias españóis levados a Catalunya para tentar impedir as persoas votaren no referendo do 1-O.

A xuíza do caso deu por finalizada a instrución contra os dous investigados por un delito de inxurias e comunicouno ás partes para que presenten os seus escritos de acusación. A maxistrada subliña na acta que os textos e as ilustracions supoñen “unha ofensa e unha falta de respecto aos membros do Corpo da Policiía Nacional sen alicerzaren en ningún tipo de base fáctica”.

O caso foi investigado por este xulgado a seguir unha denuncia da Unidade de Investigación Tecnolóxica da Dirección Xeral da Policía española logo após o pasado 4 de outubro, tres días despois da actuación policial contra os votantes do referendo do 1-O, a revista ter publicado que na Catalunya esgotáranse as existencias de cocaína pola massiva presenza de axentes nos portos de Barcelona e Tarragona, así como nos hoteis.

No seu escrito, a maxistrada sinala que a revisa publicou en primeiro lugar un artigo na web sob o título “A continua presenza de antidisturbios acaba coas reservas de cocaína na Catalunya” en referencia aos membros da policía española, incluindo a imaxe dunha man que manipulaba unha substancia en pó de cor branca, e posteriormente, segundo acrescenta, na edición de papel tamén publicou un artigo co mesmo título.

Antes de  ser citado a declarar en novembro pasado, Martínez-Vela, lembrou que a peza humorística publicada no 4 de outubro formaba parte da sección de noticias ficticias da web. “É unha das tantas noticias ficticias da sección. Por cuestións que me escapan iso acabou levando a unha denuncia por parte da policía española”, lamentou. Os investigados sinalaron que o artigo se encaddra nunha revista satírica, que fai humor sobre case todo, e nunha sección de noticias falsas, sen vontade de enganar, xa que os lectores coñecen a intencionalidade da publicación.

Fonte: Naciò Digital