O Goberno español prepara un Real Decreto para que as persoas distinguidas con esta honra sexan nomeadas “membro honorario” da Policía “sen referencia expresa a categoría profesional algunha” e se acabe cos actos privados de entrega como as organizadas por Fernández Díaz. Contodo, Interior mantén aínda en segredo a identidade de tres “comisarios honorarios” nomeados polo anterior ministro.

O xornalista Francisco Marhuenda será o último comisario honorario da Policía. O Goberno prepara un Real Decreto que elimina esa figura e limita o recoñecemento a “membro honorario da Policía Nacional sen facer referencia expresa a categoría profesional algunha”. A polémica dentro e fóra da Policía ao desvelar eldiario.es a decisión de Jorge Fernández Díaz co director de La Razón obrigou o actual Ministerio do Interior a introducir esa precisión no rascuño do proxecto.

O nomeamento de comisarios honorarios estivo suxeito a un Decreto da ditadura sobre a Policía Gobernativa até ser aprobada en 2015 a Lei Orgánica de Réxime de Persoal. Na mesma xa se falaba unicamente de “membro honorario”, mais a falta dun desenvolvemento regulamentar foi utilizada polo departamento de Fernández Díaz para continuar nomeando “comisarios honorarios”, como foi o caso de Marhuenda. O Real Decreto que elabora o departamento de Juan Ignacio Zoido pretende dotar este aspecto da Lei de 2015 do seu correspondente regulamento.

O anterior equipo de Interior tamén mantivo en segredo os seus recoñecementos de “comisario honorario”. De tal forma que só transcenderon os nomes publicados polos medios, o de Marhuenda e o do antigo membro do Tribunal Constitucional Ramón Rodríguez Arribas, o maxistrado que para criticar a Lei de Matrimonio Homosexual escribiu que o texto permite que casen “un tío e un sobriño”.

O rascuño do próximo Real Decreto prevé acabar con ese segredo. A partir de agora, recolle o texto, “o recoñecemento da condición de funcionario honorario, unha vez notificada ao interesado, será publicado no Boletín Oficial do Estado e na Orde Xeral da Dirección Xeral da Policía”. A día de hoxe, descoñécese o nome de tres do sete comisarios honorarios que nomeou Fernández Díaz durante o seu mandato.

Após ter aparecido publicada a noticia, a Fundación Hay Derecho preguntou ao Executivo, a través do Consello de Transparencia e Bo Goberno, cantos e quen eran os outros comisarios honorarios alleos á Policía. O Ministerio do Interior só accedeu a recoñecer os dous publicados e a revelar outros dous nomes, o do director do CNI, Félix Sanz Roldán, e o do director do Departamento de Seguridade Nacional, Alfonso de Senillosa.

En ambos os casos trátase de nomeamentos desprovistos de polémica porque a función que realizan ambos os cargos é de colaboración continua coa Policía e por tanto, cumpren co requisito establecido na lei. Mais no referente aos outros tres nomes, Interior rexeitou obstinadamente as peticións con distintos argumentos.

Sobre un deles alegou que nese momento non se lle comunicara o recoñecemento, catro meses despois de ter sido acordado. Nun segundo caso aludía a que o agraciado se negaba por motivos de intimidade. E a respecto do terceiro, dixo que o interesado se negaba a que o seu nome fose recoñecido por razóns de seguranza. Neste último caso, Interior admitía que era un motivo subxectivo, mais que contradicilo podería causar “ansiedade” ao premiado.

Posibilidade de levar unha arma

A figura do “comisario honorario” é un recoñecemento que os policías xubilados anhelan por motivos sentimentais, mais tamén para teren a posibilidade de continuar portando unha arma. O Real Decreto incluirá esa posibilidade, tamén para as persoas alleas á Policía, sempre que a petición sexa acompañada dun informe das aptitudes psicofísicas e pase o visto e prace da Xunta de Goberno do Corpo.

Os recoñecidos como “membro honorario” da Policía, unha vez descartado o rango de comisario, seguirán recibindo unha placa e un carné, como os que Fernández Díaz entregou a Marhuenda nun acto sen publicidade no Ministerio do Interior. No reverso do carné será especificado se obtiveron a licenza de armas tipo A.

De forma preferente acabarase igualmente con eses recoñecementos personalizados. Segundo o rascuño, o outorgamento da distinción “será realizado en acto solemne, procurando que coincida con datas de especial conmemoración e relevancia na Policía Nacional, salvo que razóns de oportunidade e urxencia aconsellen outra cousa”.

Algo que non muda é a imprecisión coa que se presentan os méritos que deben adornar a traxectoria dun membro honorario da Policía de fóra do Corpo. Abonda con que o ministro do Interior de turno considere que esa persoa se “distingui polos merecementos contraídos en virtude do labor realizado en favor” da institución.

Compre precisar que o recoñecemento como “comisario honorario” era unha posibilidade que se utilizaba con pouca frecuencia no Ministerio do Interior, ao redor dunha ao ano. Até tomar pose Fernández Díaz, quen no seu catro anos de ministro nomeou sete comisarios honorarios alleos ao Corpo.

O nomeamento de Marhuenda provocou protestas entre a oposición política e queixas iradas dos sindicatos policiais, alén dun profundo malestar na Policía, incluída a súa cúpula. O Sindicato Unificado de Policía optou por presentar unha querela por prevaricación perante o Tribunal Supremo que foi arquivada.

No caso dos policías xubilados, o título de “membro honorario” poderá ser concedido sempre que cumpriren 35 anos de servizo activo, non constaren “anotacións desfavorabeis sen cancelar” no seu expediente, posuíren todas as condecoracións á dedicación ao servizo policial e ingresaren na Orde ao Mérito Policial.

Pedro Águeda

Ler máis.