As dúas persoas detidas onte foron postas en liberdade sen medidas cautelares nin fianza. A causa, instruída na Audiencia Nacional, está baixo segredo de sumario.

 

Operación Pandora en QuimeraImaxe da inspección do centro social La Quimera en Lavapiés (Madrid)no 30-03-2015, segunda fase da operación Pandora. JUAN ZARZA

 

No mediodía de hoxe foron postas en liberdade as dúas persoas detidas onte por axentes da Brigada de Información, apoiados por un dispositivo do Corpo de Antidisturbios, no distrito de Tetuán (Madrid). A liberdade, sen medidas cautelares nin fianza, tivo lugar despois de as dúas pasaren a disposición da Audiencia Nacional, confirma o avogado Daniel Amelang. A operación ten manifestas semellanzas con outras actuacións policiais anteriores contra o colectivo anarquista que afinal resultaron carecer de todo fundamento.

‘Sabemos que os cargos son por terrorismo, embora non podamos saber máis porque a causa está sob segredo de sumario’, explica Amelang. ‘Podemos intuír que moi grave non debe ser, xa que non lles impuxeron medidas cautelares, e que os cargos de terrorismo poden ser combatidos, aínda que tampouco queremos especular’, continúa o avogado, que resalta que, ao estaren sob segredo de sumario non contan con ningunha información: ‘Facemos a defensa a cegas, sen saber que están a investigar’.

Estas dúas persoas foron detidas nunha operación que desde varios colectivos cualifican como movemento ‘contra o terrorismo anarquista’, seguindo o ronsel de casos como Pandora, Piñata ou Ice. As dúas persoas foron postas en liberdade despois de pasar desde a mañá de onte, 13 de maio, na comisaría de Moratalaz. ‘ Foron detidas nas súas casas, que tamén foron revistadas’, explica Amelang. Pola súa parte, varios colectivos enviaron comunicados sinalando que unha das detencións tivo lugar no espazo anarquista Emboscada, ocupado recentemente no distrito de Tetuán, e vinculando as dúas tamén con detencións que xa o ano pasado tiveron lugar en Madrid relacionadas coa revolta en Hamburgo contra a reunión do G-20. O departamento de prensa da Policía Nacional afirma que non teñen información sobre estas detencións.

Varias persoas acudiron este mediodía ás 13h, a mostrar o seu apoio ás persoas detidas. Tamén sob a lema ‘Solidariedade co/as anarquistas’, foron convocadas concentracións de apoio na madrileña praza de Tirso de Molina ás 21h, en Murcia ás 19h na Praza da Mercé, e ás 21h na Plaça de Sants en Barcelona.

Ter García

El Salto